Escoitar

O Concello concede a Medalla da Cidade á Xunta Local de Vigo da Asociación Española contra o Cancro

Este mércores, os tres partidos políticos con representación municipal acordaron ademais conceder os Vigueses Distinguidos en 2013 a Carlos Oroza, Antonio Romero Lorenzo, Gumersindo Espiña Campos, o colexio Compañía de María, Antón Piñeiro Lorenzo, a FAVEC e a Sociedade Deportiva Atlántida de Matamá.

mércores, 20 mar 2013
En xunta de voceiros, os tres partidos políticos con representación no Concello de Vigo -PP, PSOE e BNG- acordaron este mércores a concesión da Medalla da Cidade e dos Vigueses Distinguidos deste ano, galardonando coa máxima distinción á Xunta Local da Asociación Española contra o Cáncro. A gala de entrega terá lugar o próximo mércores, 27 de marzo, ás 20 horas.

Sobre a concesión da Medalla, Caballero explicou que "queremos facer presente o empeño do pleno desta cidade, dos 27 concelleiros e concelleiras encabezados pola alcalde, en apoiar á Xunta Local de Vigo da Asociación no seu apoio permanente ás persoas afectadas de cáncer durante tantos anos e en todos os lugares".

Para os Vigueses Distinguidos, cada grupo político propón dous nomes que son aceptados polo resto dos partidos, xunto a un sétimo de común acordo, neste caso para a Sociedade Deportiva Atlántida de Matamá. O PSOE nomeou a Carlos Oroza e a Antonio Romero Lorenzo, o PP a Gumersindo Espiña Campos e ao colexio Compañía de María, e o BNG a Antón Piñeiro Lorenzo e á Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao".