Escoitar

O alcalde celebra que o novo programa municipal de cross escolar leve a 2.000 nenos e nenas a practicar o atletismo<br />

Dous mil escolares vivirán o atletismo de campo a través dende este mes ata outubro, co programa de cross escolar baixo o paraugas da Agrupación de Atletismo Escolar Xóvenes Atletas, que preside Belarmino Alonso.

martes, 19 mar 2013
1363709418cross.JPG
"É unha formulación nova e totalizaremos dous mil nenos e nenas practicando deporte, arrincamos o vindeiro 24 de marzo", sinalou o alcalde na presentación das probas, á que acudiron tanto Alonso como representantes das anpas ou clubs que organizan as seis carreiras, xunto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández.

Dentro dos programas municipais de Deporte e Saúde, o de cross escolar é a última novidade e pretende fomentar a práctica do atletismo de campo a través entre os escolares, "dende a categoría pitufos á cadete", sinalou Belarmino Alonso, que se felicitou polo apoio municipal e pediu que nas vindeiras edicións entren máis colexios.

É este o cuarto programa posto en marcha pola Concellería de Deportes tralo circuíto de carreiras populares (atletismo), "Augaesaúde" (utilización das piscinas municipais con máis ofertas para os usuarios) e as bicirutas (ciclismo). Esta acción é fundamental para incrementar a oferta deportiva saudable entre a cidadanía.

O programa de cross escolar abrangue seis probas, dende o 24 de marzo ao 13 de outubro, en varias parroquias da cidade.
San Miguel de Oia, Beade (dúas probas), Montecelo Alto, Mosteiro e Castrelos son os puntos de celebración a través da Sociedade Deportiva Atletismo San Miguel de Oia (36 trofeo San Miguel de Oia, 24 de marzo), a ANPA Coutada Beade (37 cross escolar Coutada Beade, 7 de abril), o colexio Monterrey (III Cross escolar Monterrey, 14 de abril), o colexio Mosteiro (Cross Escolar de Mosteiro, 21 de abril), a Agrupación Deportiva Castro San Miguel (Cross A.D. Castro San Miguel, 13 de outubro) e o Centro Cultural de Beade (Cross Beade Centro Cultural, 2 de xuño). O máis numeroso será o do Castro San Miguel, que reúne no parque de Castrelos a máis dun milleiro de nenos e nenas. Castrelos, ademais, sempre foi referencia para o atletismo vigués e o alcalde subliñou que "pronto poñeremos en marcha alí a nova pista atlética".
Descargar todas as imaxes