Escoitar

A Gran Gala do Deporte o vindeiro día 21, "manifesta as virtudes dos deportistas desta cidade", di Caballero

A Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca, que na súa décimo-cuarta edición premia aos e ás mellores de 2012, terá lugar o xoves 21 de marzo ás 20:00 horas no Centro Cultural Novacaixagalicia, o escenario habitual do evento dende a segunda edición.

mércores, 13 mar 2013
1363191387deporte.JPG
Corenta nomeados en categoría absoluta (29 homes e 11 mulleres) e vinte na promesa (trece mozos e doce mozas) aspiran a sumarse a un palmarés que en 2012 gañaron Gonzalo Araújo (vela) e Xisela Aranda (squash) en categoría absoluta e Gonzalo Basconcelo (atletismo) e Erea Alonso (taekwondo) en promesa.
Na presentación deste ano, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrou que este evento que premia aos e as mellores do pasado ano "é unha gran reunión na que poñemos de relevo e manifesto as virtudes do deporte desta cidade". Caballero incidiu "no número moi importante de atletas que optan aos galardóns" e que son propostos polas federacións deportivas, e significou o crecemento das candidaturas nun 25%, demostrando o gran interese e expectación que xera.
O xefe do goberno vigués rodeouse dun cadro saudablemente importante. Xunto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, a directora de márketing e publicidade de Novagalicia Banco, Paz Comesaña, e o xerente de Faro de Vigo, Jaime Abella, asistiron a gañadora absoluta da pasada edición, Xisela Aranda, e catro representantes de mencións especiais deste ano: Pablo Cacheda (Octavio), Toni Otero (adestrador do equipo olímpico de match-race en Londres), Carlos Covelo (presidente do Carpa) e Miguel Meilán (Gimnasio Tao).
Caballero dixo que "o deporte vigués non sería posible sen os deportistas, pero tampouco sen clubs, adestradores e colectivos que o fan posible". Ademais, sinalou a modo de anécdota que de entre as mencións especiais, "a copa europea gañada polo Telmo estivo na mesa do despacho de Alcaldía varios meses", e deu a benvida a esta gala á Federación Galega de Pádel, que entra por vez primeira.

Jaime Abella, en representación de Faro, asegurou que o desexo do seu medio é "dar un momento de orgullo e posta en valor aos triunfos destes deportistas para que o deporte de Vigo siga sendo líder", mentres que a representante de Novagalicia Banco afirmou que NGB "séntese identificado cos valores de sacrificio e de esforzo do deporte". Ademais, asegurou que "como herdanza das caixas queremos seguir apoiando o deporte de base e esperamos incrementalo no futuro".
Carlos Covelo, en representación dos premios especiais do xurado, agradeceu este recoñecemento e comprometeuse en "seguir loitando para levar a Vigo ao máis alto nivel", apuntando que "traballar pola base é duro pero non menos importante".
Xisela Aranda, vencedora en 2012, explicou que acadar este premio "conleva máis motivación e gañas de adestrar", e lembrou que "aquel foi un día inesquecible e para o squash foi moi importante porque con este premio empezouse a valorar máis".
Como cada ano, as federacións deportivas apostaron por unha serie de nomes e o xurado (que preside o concelleiro Manel Fernández e que conta con representación dos dous patrocinadores privados e dos grupos municipais da Corporación viguesa), reunido o pasado día 20, estudou todos os nomeamentos. Os catro gañadores desvelaranse no trancurso da gala.
Entre os nomeados para esta edición figuran seis gañadores do premio absoluto: Miguel Romero (2011), Chano Rodríguez (2002, 2005 e 2010) e David Gómez (2009) en homes e Begoña Fernández (2009 e 2010) e Xisela Aranda (2012) en mulleres.
Descargar todas as imaxes