Escoitar

O 15 de marzo arranca o prazo dun mes para solicitar as 446 prazas das escolas infantís municipais

O próximo 15 de marzo ábrese o prazo dun mes para solicitar calquera das <br /> 446 prazas en escolas infantís ofertadas polo Concello de Vigo. Tal e como recordou o rexedor, as arcas municipais subvencionan ao redor do 85% de cada praza, polo que o prezo máximo dun centro infantil é a metade do que se paga nas escolas dependentes da Xunta.

martes, 12 mar 2013
A Xunta de Goberno local deu luz verde ás normas para a adxudicación de prazas nas escolas infantís municipais do curso que ven. Segundo explicou o rexedor, trátase do trámite obrigatorio para adecuar a puntuación das solicitudes de novo ingreso ao baremo de criterios preferentes que propón a Xunta. Este ano, como novidade, establecerase a oferta dun horario continuo no centro de Saiáns, ademais de abrirse a posibilidade de solicitar praza para aqueles nenos non nacidos no periodo de solicitudes que marca a norma autonómica. Os formularios xa están a disposición das familias e o prazo de solicitude esténdese desde o 15 de marzo ata o 15 de abril.

O rexedor quixo facer especial fincapé nos prezos destes centros municipais, destacando, por exemplo que as familias con renta per cápita mensual de ata 306,25 euros están exentos de pago, así como as familias numerosas con renta per cápita de 478,33 euros. Subliñou que o prezo máximo que pode pagar unha familia é a metade do que se paga nos centros infantís da Xunta, xa que o Concello subvenciona ao redor do 85% do custo de cada praza.

Respecto da oferta, avanzou que para o próximo curso hai na actualidade 446 prazas, un 48% máis que o ano pasado. Ademais, no mes de abril estará rematada a escola de Mestres Goldar, o que suporá 100 prazas máis. Nese momento, proseguiu, "prácticamente duplicaremos a oferta que atopamos no ano 2007. "Duplicamos o número de prazas e son as máis baratas de Galicia", remachou.