Escoitar

A Escola infantil Mestres Goldar estará rematada en abril e ofrecerá 100 novas prazas en Vigo

A finais de abril estará rematada a escola infantil Mestres Goldar, que ofrecerá 100 novas prazas para nenos e nenas da cidade. Deste xeito, prácticamente se duplica a oferta que existía en 2007 -de 300 prazas-, tendo en conta que este ano abriron as súas portas os centros municipais de Tomás Alonso e Casiano Martínez.

luns, 11 mar 2013
A Xunta de Goberno local do pasado 8 de marzo aprobou o proxecto modificado da Escola Infantil Mestres Goldar, adxudicado por 315.000 euros. Segundo o rexedor, este cambio responde a necesidade de protexer a escaleira que comunica as tres prantas do edificio conforme á norma técnica. Esta decisión, puntualizou, non supón ningún custo adicional nin retraso na finalización das obras previsto para finais de abril.

A posta en marcha desta escola infantil aportará 100 novas prazas, ás que hai que sumar as 150 procedentes de Casiano Martínez e Tomás Alonso, que abriron as súas portas este curso. O rexedor comparou este crecemento coas 300 prazas que "atopou cando chegou á Alcaldía", explicando "que prácticamente duplicamos o número de prazas durante estes seis anos, aumentamos o mesmo neste tempo que en toda a historia da cidade". Esta aportación ven sumarse á subvención que o Concello aporta para sufragar outro centro infantil da Xunta.