Escoitar

O alcalde cita a atención social e a creación de emprego como as bases da acción municipal en 2012

Abel Caballero fixo este venres balance do ano que remata, un 2012 "malo" polo contexto económico e laboral que, a nivel do Concello, arroxa un saldo de 3.800 empregos creados, entre directos e indirectos, e atención social en bolsas de inglés, comedor e libros, e a apertura do Centro de Inclusión Social.

venres, 28 dec 2012
1356709264alcalde.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, indicou que o Concello adicou 22 millóns de euros á creación de emprego mediante plans directos e investimentos públicos en distintos ámbitos da cidade, cun saldo de 3.800 postos de traballo xerados entre directos e indirectos.

Outro ámbito subliñado por Caballero durante a súa intervención foi a atención social, case 3 millóns para a asistencia domiciliaria de preto de 800 usuarios, 700.000 euros para a apertura do Centro de Inclusión Social -o único municipal destas características de Galicia-, case 600 beneficiarios das bolsas de libros, máis de 3.800 de comedor e case 500 de inglés. O investimento educativo aproximouse aos 12 millóns de euros. O Concello abriu en 2012 dúas novas escolas infantís municipais en Casiano Martínez e en Tomás Alonso, creando 145 prazas, case un 50% das existentes.

O alcalde tamén citou que Vigo, en 2012, rexistra o menor nivel de débeda da historia do Concello, un 25,7%, sendo ademais a urbe galega con menor presión fiscal sobre os seus cidadáns, grazas á conxelación do autobús e da auga e as bonificacións e exencións fiscais implementadas.

En materia urbanística, Abel Caballero recordou as vivendas municipais de Navia sacadas polo Concello en aluguer social, o rexistro de 50 pisos en Rosalía, o desenvolvemento de planeamentos de iniciativa pública como os de Esturáns e Raviso, e a seguridade xurídica: todas as sentenzas relativas ao PXOM son favorables ao Concello.

Xunto a melloras en materia ambiental, turístico, comercial, cultural e deportivo, Abel Caballero indicou que o 2012 asistiu á confirmación da próxima apertura (prevista para mediados de febreiro) da sede viguesa da UNED, financiada integramente polo Concello de Vigo.

No tocante aos grandes proxectos, Caballero congratulouse polos avances dados este ano na ampliación do aeroporto de Vigo, na construción da nova depuradora e na planificación da estación do AVE de Urzáiz. No lado contrario, o alcalde lamentou que a Xunta de Galicia estea a construir un hospital privado en Vigo e que intentase "gobernar Vigo desde fóra" coa lei de Área Metropolitana, "parada" pola propia cidadanía viguesa, segundo indicou o rexedor.
Descargar todas as imaxes