Escoitar

A Corporación reproba as manifestacións de sectores de Cataluña contra o AVE galego

O texto debatido polo Pleno hoxe mércores saíu adiante -cos votos do PP e do PSOE e a abstención do BNG- manifestando os tres grupos políticos o seu acordo á reprobación de "representantes nacionalistas cataláns" que piden que os cartos do AVE a Galicia sexan adicados ao corredor mediterráneo.

mércores, 31 out 2012
O segundo punto da moción de urxencia presentada hoxe polo PP tivo a unanimidade dos tres grupos políticos con representación municipal e reproba as "iniciativas e manifestacións realizadas por representantes nacionalistas cataláns" que cuestionan os investimentos do Estado para o AVE galego, solicitando que sexan adicados á Alta Velocidade do Mediterráneo.

O primeiro dos puntos declara o "apoio ás inversións previstas pola Ministra de Fomento, Ana Pastor, nos Orzamentos Xerais do Estado para a chegada do AVE a Galicia", cuestión na que socialistas e nacionalistas non estiveron de acordo.

Bembrive
O Pleno tamén aprobou unha moción instando ao Goberno de España a abrir unha negociación coas federacións galega e española de municipios e as autonomías para aprobar unha normativa de réxime local que, "partindo do recoñecemento da autonomía politica e administrativa dos gobernos locais, permita ter en conta as características específicas dos municipios galegos ao tempo que contribúa a eliminar duplicidades existentes entre os diferentes niveis de goberno, asegurando o recoñecemento das competencias e a existencia das Entidades Locais Menores, e un marco financeiro propio para o exercicio das mesmas".

Outros acordos
A Corporación decidiu igualmente instar ao goberno central a estudar a inclusión no ensino primario e secundario dos "coñecementos de primeiros auxilios, seguridade vial autoprotección e emerxencias" e ás administracións públicas a mellorar a sinalización e a información na cidade.