Escoitar

Caballero defende a pervivencia das Entidades Menores e ve no Estado "vontade" de mantelas

O alcalde de Vigo e vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) asegurou este mércores que o Goberno de España lles transmitiu a súa "vontade de manter as Entidades Locais Menores", no caso de Vigo, a de Bembrive. Abel Caballero avogou pola súa pervivencia no seo da executiva da FEMP.

mércores, 31 out 2012
1351685474femp.JPG
A executiva da FEMP, da que Caballero é vicepresidente, tomou coñecemento da comunicación do Goberno de España sobre a solicitude dos municipios de non eliminar as Entidades Locais Menores, na que o Estado manifesta a súa "vontade" de mantelas.

Abel Caballero recordou que Bembrive, a única entidade menor de Vigo, percibe case que medio millón de euros dos orzamentos do Concello de Vigo, ademais dos seus recursos propios, e "queremos que sigan existindo".

Por outra banda, a FEMP reclama un trato financeiro distinto para os concellos menos endebedados, como é o caso de Vigo. Caballero explicou que os municipios "que temos unha boa situación financeira" reclaman poder empregar recursos "en beneficio da cidade e non só dedicalo a débeda, como plantea o Ministerio", unha reclamación que "con toda probabilidade" atenderá o Estado, segundo apuntou o alcalde de Vigo.

Caballero tamén ve posibilidades, e así tratouse na reunión de onte da FEMP, de que o executivo central acepte a proposta das cidades de permitir a reposición de axentes de Policía Local, unha posibilidade agora inhábil segundo o decreto estatal. Os municipios pediron tres excepcións á norma: policías, bombeiros e traballadores sociais. "Entendemos que o Goberno de España vainos permitir a reposición de policías", indicou Caballero.
Descargar todas as imaxes