Escoitar

Josephine Foster pechará no Auditorio Municipal a programación de 2012 do Festival SinSal

A concelleira de Cultura, Isaura Abelairas, presentou este martes xunto ao representante de SinSal, Julio Gómez, o concerto que ofrecerá en Vigo "unha das cinco voces femininas máis interesantes" do panorama internacional, en verbas de Gómez. A cita será o 13 de novembro, ás 21 horas, con entradas a 8 euros.

martes, 30 out 2012
1351603690sinsal.jpg
Abelairas recordou que SinSal naceu en 2003 co "apoio decidido" do Concello de Vigo, do que a hoxe concelleira tamén ocupaba o departamento de Festas, e na vontade do goberno local está continuar traballando co Festival para "por en valor a cultura en todas as súas acepcións".

Julio Gómez, pola súa banda, apuntou que o concerto da cantante norteamericana afincada en España pechará a programación do SinSal deste ano 2012, que contou cun orzamento de 102.000 para a realización de cinco actividades en Vigo, entre outros puntos de Galicia.

Josephine Foster foi definida polo responsable de SinSal como "unha das artistas máis relevantes da escena internacional" cun estilo que encaixaría á perfección nos filmes con banda sonora de Ennio Morricone.

As entradas poranse á venda, de forma anticipada, o venres 26 no servizo de Servinova (www.servinova.com / 902 504 500), a un prezo único de 8€ (sen numerar). O Concello de Vigo apoia así unha vez máis unha das iniciativas musicais máis importantes da cidade, que se ven consolidando ano tras ano, a través de novidosas iniciativas, a fidelidade dun público e a calidade das súas propostas artísticas.

A cantante e compositora estadounidense, Josephine Foster, presentará en directo con banda o seu último traballo, Blood Rushing (Fire Records), nunha actuación que ofrece a posibilidade de gozar da súa extraordinaria voz saltando e balanceándose a través dos arranxos melódicos tecidos polos seus escudeiros.

Gótica americana, impactante folk, e música das montañas combínanse con frescura pola banda en estado de graza na que converxen o grandísimo guitarrista Victor Herrero, canalizando todo tipo de texturas e cores, á percusión estará Lorena Álvarez (Lorena Álvarez y su banda municipal), e a ilustre Paz Lenchantin (Entrance Band, Silver Jews, A Perfect Circle, Zwan) evocando a nostálxica calidez e a beleza dun fonógrafo con baixo e violín.

O concerto comezará ás 21:00 cun só de Paz Lenchantin, para dar paso ás 21:45 a Josephine Foster e a súa banda.
1351603690sinsal.jpg
1351601594cartel.jpg
Descargar todas as imaxes