Escoitar

O Pleno acorda solicitar do Concello un plan de acción cultural e outro xuvenil para o verán

A Corporación municipal de Vigo validou este luns, na sesión plenaria correspondente ao mes de maio, que o Concello de Vigo elabore un plan de acción cultural para a cidade coa participación de todos os grupos políticos municipais e un plan xuvenil municipal que inclúa un programa de actividades para este verán.

luns, 28 mai 2012
Ambas mocións foron presentadas polo grupo municipal do PP, quen obtivo o respaldo socialista no caso do plan xuvenil municipal e sacou adiante o de acción cultural coa abstención destes e dos nacionalistas.

O primeiro dos textos aprobados insta ao goberno local á "redacción e posta en marcha dun Plan Xuvenil Municipal" e á "elaboración dun programa atractivo de actividades" para a mocidade neste verán, xa que o colectivo de menores de 30 anos representa o 24% da poboación viguesa.

En segundo lugar, o Corporación reclama do Concello, segundo indica a moción, a aprobación "dunha proposta de traballo conxunta con todos os grupos do Pleno para facer realidade un Plan de Acción Cultural para a cidade de Vigo", baseado no apoio á creación, á interpretación, a xestión e á producción.