Escoitar

Vigo promociónase en Londres como destino turístico de "calidade"

O Concello de Vigo, en colaboración coa aeroliña Vueling, lanzaron hoxe a imaxe da cidade ante unha ducia de medios especializados

mércores, 23 mai 2012
1337790393IMG_9770.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá a promoción da cidade en Londres como destino de "calidade", parte da estratexia turística municipal e de consolidación da ruta aérea que une Peinador con Heathrow, o principal aeroporto londinense.

Xunto á directora de Marketing de Vueling, Marion Bauer, e presentado pola xornalista da BBC, Inma Gil, Abel Caballero salientou esta mañá a "relación calidade-prezo" da urbe, os 35 quilómetros da costa da ría de Vigo, a súa gastronomía ou o seu clima ante unha ducia de periodistas especializados e corresponsais de medios de comunicación.

O alcalde subliñou a "moi boa acollida" de Vigo nesta "zona emisora de turistas" e apuntou que estas accións promocionais forman parte dun "proceso que temos que manter no tempo" para consolidalo. "A mensaxe que cala de forma máis importante é que cada ano visitan Vigo máis de 250.000 turistas que veñen en barcos e, a través dos cruceiros, coñecen a cidade", explicou.

Vigo promocionouse en Londres coma o segredo mellor gardado do noroeste español. Destino de acceso rápido e económico, a cidade presenta unha perfecta unión entre o urbano e o ambiental, entre o lecer e o negocio, entre a cultura e unha gastronomía recoñecida internacionalmente.

Conta ademais a urbe co valor engadido dun clima suave e agradable, perfecto para gozar dunhas paisaxes inigualables e máis dunha vintena de areais interminables, incluíndo a praia de Rodas, nas paradisiacas Illas Cíes, elixida polo diario The Guardian como a mellor do mundo.

A gastronomía da maior cidade de Galicia mereceu capítulo aparte na presentación polos seus produtos naturais, os seus viños e mariscos, que ocupan o seu lugar nos principais restaurantes dos cinco continentes.

Polo seu tamaño, Vigo ofrece unha oferta cultural ampla, dinámica e diversa, preparada para satisfacer os intereses dos máis curiosos. O seu montañoso cinto verde e a interminable ría de Vigo tamén dotan á cidade dun marco perfecto para os amantes do lecer deportivo e de natureza.

Vigo conta ademais cunha gran rede de servizos que permite aloxamentos e desprazamentos pola cidade adaptados a todos os petos, sen perder nada da calidade que define a esta cidade, como mostra que máis de 150.000 británicos visitárona o pasado ano.

Vigo-Londres desde Heathrow
Ambas cidades están unidas cun voo directo desde Heathrow que, cunha frecuencia de tres conexións semanais, fai posible descubrir Vigo como destino vacacional singular e atractivo, referente no ámbito do turismo de calidade.

A través de Vueling, os británicos poden viaxar á cidade galega desde 49 libras en menos dunha hora e media. A aerolínea freta entre o pasado mes de abril e outubro 188 avións Airbus 320 con capacidade para 180 viaxeiros. A oferta total de prazas ascende a 33.840, case 4.000 máis que en 2011.
Descargar todas as imaxes