Escoitar

O alcalde asegura que o Concello destina 2,7 millóns de euros para o albergue

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe venres a modificación necesaria para que entre en vigor o convenio asinado polo Concello e a entidade social Emaus para a adaptación e xestión do Centro de Acollida Polivalente no Casco Vello de Vigo. Unha vez validada a autorización de uso, Emaus poderá adaptar o edificio da antiga Escola de Hostelería, no Berbés, para a súa nova función; para o que o goberno local abonará 512.000 euros ao ano desde 2012 a 2015, máis 675.000 euros de obra e equipamento.

venres, 23 set 2011
1316782056Imagen010.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres desta "magnífica nova" aprobada na Xunta de Goberno Local de hoxe, o trámite que restaba "para iniciar a obra do Centro de Acollida Polivalente".

O edificio da antiga Escola de Hostelería, no Berbés, será adaptado para o seu uso como centro de inclusión social no baixo e nos andares segundo, tercero e cuarto; obra que realizará a entidade Emaus en virtude do convenio asinado co Concello e que posteriormente xestionará.

Caballero explicou que a aplicación do convenio "estaba pendente dun cambio de uso do edificio", que non permitía a cesión e, tras a tramitación adminitrativa pertinente, o goberno local deu luz verde á autorización de uso do inmoble á Emaus.

A parte económica do acordo estipula que o Concello achegará 495.000 euros para as obras de adaptación e outros 180.000 euros para o equipamento, e sumará 512.000 euros anuais de 2012 a 2105 para a xestión do centro para os "sen teito" por parte da fundación social.

O alcalde apuntou que o inicio das obras será "de forma inmediata" pois, "a partir de hoxe mesmo, o convenio é xa vixente e Emaus está en condicións e deberá adaptar o inmoble para que se constitúa en albergue en Vigo". "Esta é unha gran demanda da cidade", recordou.

Mercado do Calvario
O primeiro edil municipal tamén informou da aprobación en Xunta de Goberno Local do proxecto de reforma do Mercado do Calvario, impulsado polos propios comerciantes cun investimento próximo aos 200.000 euros.

Cumprido o trámite administrativo, a obra "xa está en condicións de ser iniciada" e suporá a renovación da cuberta, a construción dun novo volume baixocuberta cuha superficie de 563,30 m² e a reforma dos núcleos de comunicación verticais do edificio.
Descargar todas as imaxes