Escoitar

Chus Lago presenta un "Camiño a Camiño" que inclúe actividades para a xuventude e de voluntariado ambiental

A concelleira de Medioambiente presentou este venres unha nova edición desta popular iniciativa de saúde e educación ambiental, que desta volta continúa cos roteiros pola cidade e suma novas saídas fóra do municipio, programa actividades específicas para a xuventude e a infancia, e engade un novo apartado de voluntariado ambiental. Os participantes deberán estar empadroados en Vigo e recibirán unha ficha coleccionable en cada percorrido.

venres, 23 set 2011
1316780466chuscamino.jpg
A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, recordou que esta idea -nacida hai catro anos- persegue afondar no "contido de senderismo deportivo, mais o que nos interesa é a concienciación e a educación ambiental".

A campaña de outono inicia a tempada 2011-2012 de "Camiño a Camiño", marcándose como obxectivo superar os 2000 participantes da campaña de primavera pasada, así como introducir novidades tanto de programación como de organización (tarxeta de participante, inscrición en web, etc).

Durante a tempada 2011-2012, o programa vai contar con rutas clásicas por Vigo e bisbarra. En concreto dende o 2 de outubro 1200 participantes, en catro domingos consecutivos, camiñarán pola Ruta panorámica de Vigo (tamén denominada GR53), que ao longo de preto de 40 KM permite coñecer unha boa parte do patrimonio natural que conforman os parques forestais de Vigo e as espectaculares vistas que dende eles se poden contemplar. Ademais, poderase disfroitar do explendor dos bosques no outono e da riqueza micolóxica propia da tempada.

Posteriormente, a finais de outubro e na primeira quincena de novembro, outros 900 participantes terán ocasión de percorrer a Senda da Auga en tres etapas por un trazado completamente chairo e do que moitos vigueses e viguesas aínda son descoñecedores, sobre todo nos tramos de Pazos de Borbén e de Fornelos de Montes.

Todos estas rutas contarán con monitores especializados, que, como novidade, proporanlle a todos os participantes unha serie de probas de observación e de interpretación en lugares de destacado interese medioambiental, que permitiran afianzar as explicacións proporcionadas e educarse na combinación do hábito saudable de camiñar co interese por coñecer o entorno.

A BERREA DOS CERVOS NO PARQUE NATURAL DE INVERNADEIRO

Na liña do iniciado coas visitas as Covas do Rei Cintolo durante a primavera, nesta ocasión o Programa "Roteiros por Galicia" ten previsto que tres grupos de 24 persoas cada un visiten nas tres primeiras fins de semana de outubro o Parque Natural de Invernadeiro en Vilariño de Conso, na parte sur de Cabeza de Manzaneda. Trátase dun espazo cunha riqueza de flora e fauna especial, sen poboación humana nin explotacións gandeiras, con 5700 Ha de extensión e cuxo desnivel atópase entre 1000 e 1600 m.

No percorrido programado está previsto contemplar o espectáculo natural que proporciona a berrea dos cervos, así como o a sucesión de profundos vales e redondos cumios froito do traballo dos glaciares, que tamén se van poder divisar dende a Ruta da Ortiga que bordea o parque (con dificultade alta, 22 km en total e ascensión a Cabeza de Carnado de 1518 m)

OUTRAS NOVIDADES PREVISTAS

Durante a tempada 2011-12 está previsto organizar un programa de voluntariado medioambiental dirixido a participantes no Camiño a Camiño, no que os pais cos seus fillos terán un protagonismo especial. A experiencia que tivo lugar durante o verán nas Illas Cies con 250 voluntarios e voluntarias, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, puxo de manifesto que aparte da necesidade destos programas de voluntariado, é un instrumento moi potente de sensibilización e educación medioambiental.

Outra liña de actuación prevista, esta vez en colaboración coa Concellería de Xuventude, é o deseño de rutas específicas dirixidas a xóvenes: será o Camiño a Camiño Xuvenil. Nestas actuacións, combinarase a combinación do sendeirismo e interpretación medioambiental, coa iniciación da práctica de deportes relacionados coa natureza (escalada, submarinismo, remo en kaiak, etc)

Por último, estanse desenvolvendo instrumentos de axilización dos procesos de inscrición por vías telemáticas, así como a implantación da tarxeta de participante en Camiño a Camiño, que facilite tanto a inscrición nas actividades como a participación nas mesmas.

PROCESO DE INSCRICIÓN

Toda a información de Camiño a Camiño estará dispoñible na web da Concellería de Medio Ambiente e no servizo de información ao cidadá 010.

O proceso de inscrición terá lugar entre o luns e o mércores previo a cada actividade por vía do 010. Terán prioridade os cidadáns empadronados en Vigo.

No caso das actividades englobadas no programa "Roteiros por Galicia" está previsto que os participantes asuman os custes de desprazamento, aloxamento e manutención segundo as indicacións explicitadas na web e no 010.
1316780466chuscamino.jpg
1316781896chus.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información