Escoitar

O V Trofeo Concello de Vigo de Bádminton reunirá a máis de 150 deportistas este sábado nas Travesas

O concelleiro de Deportes en funcións, Xabier Alonso, presentou este mércores o V Trofeo Concello de Vigo de Bádminton e o II Memorial Luis Miró, que se celebrarán este sábado, 11 de xuño, na Pista Vermella do polideportivo das Travesas, de 10 a 12 horas e de 15.30 a 19 horas. O nacionalista destacou o forte incremento de participantes nesta edición do torneo, ao pasar de 100 deportistas no 2010 a 150 este ano nas diferentes categorías.

mércores, 8 xuñ 2011
1307536353badminton.JPG
Xabier Alonso salientou a "importancia de traballar no deporte base", dentro do obxectivo de estender a práctica deportiva a toda a cidadanía e en especial aos máis novos e novas. Na súa intervención felicitou ao club Rachaplumas, organizador do torneo, polos éxitos acadados na presente temporada e agradeceu ao seu técnico, Juan Manuel Vila a súa adicación.

Juan Manuel Vila expresou o seu agradecemento á Concellería de Deportes polo seu apoio ao longo destes catro anos. A respecto da competición que terá lugar o sábado afirmou que se trata do peche dunha "exitosa campaña" do bádminton vigués, tanto no eido escolar como federado. Explicou que no torneo estarán representadas as entidades CB Los Sauces de Pontevedra, CB As Neves, IES de Tomiño e CEP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño, Colexio Apóstol Santiago, Carmelitas, Martín Codax, Monterrey, IES de Teis, EDM de Vigo, así como o club Rachaplumas.
Descargar todas as imaxes