Escoitar

Exposicións "Vigo Cidade Babel" e "Galicia nas Ondas"

O museo Verbum – Casa das Palabras acolle as exposicións "Vigo Cidade Babel. O Verbum da Diversidade Lingüística" e "Galicia nas Ondas. 1933-2011" desde os pasados 29 de abril e 4 de maio respectivamente.Poden visitarse ininterrumpidamente de 10 a 19 horas de martes a domingo ata o vindeiro martes 14 de xuño inclusive; do 15 de xuño ao 15 de setembro en horario de martes a domingo de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas e a partir do 16 de setembro no horario habitual de inverno (de 10 a 19 horas).

mércores, 8 xuñ 2011
"Vigo Cidade Babel. O Verbum da Diversidade Lingüística"

As linguas somos as persoas que as falamos. Somos as palabras que dicimos, únicas, para medir o que a mirada alcanza, o senso, o que sentimos, o pensamento e os compromisos do amor.

Cando unha lingua desaparece vaise un mundo.

Vigo, cidade Babel é máis que unha mostra, é a posta en marcha dun novo proxecto co que dar un renovado pulo ao Verbum, chamado a se converter nun espazo de interacción coas linguas.

O Verbum da diversidade lingüística será unha institución responsable coa época que nos toca vivir, unha época na que centos e centos de linguas están a morrer e na que o horizonte do idioma galego tamén se ve comprometido.

As linguas do Verbum son todas as linguas do mundo. É o galego de María no Calvario ou o de Cándido en Chapela. É o dariya de Lidia aquí e en Alxeria. O fante de Anthony sucando os mares de Tema a Vigo, pasando por Canarias e Montevideo. Son os ecos negros e indíxenas do portugués que Renato nos trae de Brasil. É o wu de Long Long e a súa irmá. É o xaponés esquecido dos soños de Mona. O urhobo das conversas telefónicas de Lucky. O árabe das clases que imparte Boujemaa. As respectuosísimas palabras de Asjad. As concisísimas palabras de Daniela. O pranto de Atilio. O Guaraní de Alfonso. O wolof de Sorejan. Os signos de Lora e Paulo. Os desexos de Ilona. A negación de Liliana.

Son tamén o castelán, o caló, o éuscaro, o catalán, o aragonés, o aranés, as linguas de sinais española e catalá, o portugués oliventino, a fala, o árabe de Ceuta e o Tamazight de Melilla.

Son as linguas de todos os que falan con nós.

"Galicia nas Ondas. 1933-2011"

Escoiteino pola Radio!

Quen non pronunciou algunha vez esta frase? Entre 1933 e 1935 comezan as emisións radiofónicas en Galicia. As primeiras foron en Santiago, para promover o Estatuto de Autonomía. Nacía un medio de comunicación imprescindible na vida e na memoria galega do século XX.

A mostra amosa equipos antigos e modernos, transmisores, aparatos de radio, micrófonos… fondos documentais, guións e fotografías que ilustran a historia do medio: os inicios, a censura franquista, a apertura de finais dos ´70, a transición e o futuro da radio na era dixital.

A mostra tampouco esquece aos oíntes. Que sería a radio sen a súa audiencia! A súa presenza séntese na historia de cada receptor exposto, na historia daqueles que o mercaron, o escoitaron e souberon gardar ao longo dos anos para ceder hoxe ao Verbum.

"Galicia nas Ondas. 1933-2011" non sería posible sen a achega desinteresada de numerosos coleccionistas, as emisoras galegas pioneiras e a colaboración dos medios máis recentes.