Escoitar

A asociación de enfermos de alzheimer conta xa cun novo local en Rivera Atienza que lles permitirá triplicar a atención de doentes

Abel Caballero realizou na mañá deste luns, 4 de abril, a entrega simbólica das instalacións a AFAGA de forma que nos vindeiros días poderán comezar a traballar cos enfermos en fase leve, desenvolver a aula de formación e traballar tamén coas familias dos doentes. O alcalde anunciou que se esta a estudar a posibilidade doutro local para a asociación de enfermos de parkinson.

luns, 4 abr 2011
1301919849afaga.JPG
O rexedor socialista definiu a entrega coma a resposta a unha "débeda" da cidade con estas persoas que necesitan "da solidariedade". "Facer a igualdade é poñer todos os medios para que os enfermos de alzheimer e as súas familias sintan que Vigo está ao seu carón", aseverou Abel Caballero.

O local municipal conta con 350 metros cadrados e, segundo apuntaron tanto o rexedor coma o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, cumpre "con todos os requisitos de accesibilidade". Actualmente as instalacións están en uso pero se está xa a buscar emprazamento para os traballadores que a día de hoxe traballan no local de Rivera Atienza. Neste senso Abel Caballero subliñou que a partir de mañá "estará practicamente liberado".

O rexedor explicou que neste mesmo emprazamento, nos baixos de Rivera Atienza, cedeuse recentemente outro local a Cogami (Confederación Galega de Persoas con discapacidade) ademais das instalacións de Érguete. Caballero engadiu tamén o local cedido o pasado venres, 30 de marzo, á Fundación Igualarte, que estimula e educa a rapaces con discapacidade a través das distintas facianas da arte. Avanzou así que se está a estudar un local adicional para a Asociación de enfermos de Parkinson.

Afaga
Pola súa banda o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, asegurou que se trata dun "paso importante" e "necesario". Ata o de agora a asociación traballaba nunhas instalacións que "non están adaptadas". Afaga atende a 20 enfermos de alzheimer en fase leve e a 80 en fase moderada polo que, segundo as previsións da asociación, o novo local permitirá non so "triplicar" a atención do número de enfermos senón tamén "os tempos de atención".
Descargar todas as imaxes