Escoitar

Santi Domínguez recibe o premio Expogalaecia polo impulso na promoción do turismo e a creación do Convention Bureau

O tenente de alcalde e presidente do comité executivo da Fundación Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez, recolleu este venres o premio outorgado por Expogalaecia polo traballo desenvolvido pola Concellería de Turismo para impulsar a promoción do turismo en Vigo e a creación do Convention Bureau. O acto tivo lugar tras a inauguración da XIII edición de Expogalaecia, Salón Internacional de Turismo, Gastronomía e Artesanía, que xunto a Vigoferia se poderá visitar ata o 1 de novembro de 11 a 21 horas no IFEVI.

venres, 29 out 2010
1288357855Turismo.JPG
Santi Domínguez agradeceu o recoñecemento e asegurou que este galardón supón "un novo pulo para seguir traballando" na mesma liña. Afirmou que hai que "ser optimistas nestes tempos de crise" e que a colaboración entre as administracións "amosa que podemos tirar para adiante".

O nacionalista destacou que as iniciativas impulsadas dende a Concellería de Turismo, que ten stand propio en Expogalaecia, buscan conseguir que Vigo sexa un referente como cidade sede de congresos, pero tamén como lugar de destino do turismo urbano e de ría, tal e como propón o Plan de Competitividade Turística. Tamén salientou o papel que está a desenvolver a Fundación Vigo Convention Bureau.

Segundo o tenente de alcalde, facía falta un organismo como o Vigo Convention Bureau "para vertebrar e desestacionar o turismo", mediante o traballo "cóbado con cóbado" que se está a levar a cabo co sector. Neste sentido destacou que un dos primeiros froitos desta Fundación é o congreso da Confederación Española de Centros de Ensino, que estes días se está celebrando na cidade. Durante os tres días que dura o encontro, arredor de 500 directores de colexios analizan en Vigo o futuro do sector, o cal segundo o tenente de alcalde, supón un "espaldarazo aos establecementos hoteleiros da cidade".
Descargar todas as imaxes