Escoitar

O alcalde anuncia que a nova aula da UNED en Vigo impartirá clases presenciais de Dereito, Psicoloxía e Educación Social

O goberno local aprobou hoxe venres a proposta de convenio á Universidade Nacional de Educación a Distancia para que a aula do Casco Vello acolla os cursos de acceso para maiores de 25 e 45 anos, clases presenciais das tres titulacións e o "proceso telemático e informático" preciso para estudar o resto de carreiras. A proposta axústase á Lei de Grandes Cidades e contempla a aportación municipal de 230.000 euros en 2011.

venres, 24 set 2010
1285332235IMG_0170.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este venres que a nova aula de ensino superior a distancia da UNED en Vigo, a habilitar no Casco Vello, acollerá as clases presenciais de Dereito, Psicoloxía e Educación Social.

En declaracións aos medios, Caballero informou da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da proposta de convenio que o Concello de Vigo remite á Universidade a través da Xunta Reitora do Centro Asociado de Pontevedra. O texto axústase á Lei de Grandes Cidades e á disposición da UNED de 2008 que permite ás aulas como a de Vigo impartir no primeiro ano tanto os cursos de acceso para maiores de 25 e 45 anos como titulacións universitarias.

O proxecto de solicitude tamén inclúe que o aula de Vigo poida contar asemade co "proceso telemático e informático" preciso para estudar o resto das titulacións que ofrece a UNED e estipula o compromiso orzamentario municipal de 230.000 euros para 2011.

Abel Caballero asegurou que o Concello executará dúas "obras menores" na futura aula -sita na rúa San Vicente, 3- para que esta funcione "o antes posible". O alcalde, "convencido" da "cooperación" dos organismos implicados na apertura, estimara en comparecencias públicas anteriores que sobre 3.500 estudantes vigueses poderán beneficiarse da nova aula.

AVE
O alcalde fíxose hoxe eco da publicación no Boletín Oficial do Estado da adxudicación dos traballos de extracción das dúas tuneladoras que excavan o acceso soterrado da Alta Velocidade á estación de Urzáiz, procedente de Redondela. Abel Caballero celebrou que o Ministerio de Fomento que dirixe o galego José Blanco continúe a complir cos seus "compromisos coa cidade".
Descargar todas as imaxes