Escoitar

Xabier Alonso visitou o circuíto atlético de Castrelos, que agora dispón de indicadores de distancia

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, inspeccionou o circuíto do parque de Castrelos, no que cada día centos de deportistas, tanto afeccionados como federados, corren pola pista forestal. A Concellería de Deportes dotou ao percorrido habitual dos atletas duns postes sinalizadores cada cen metros para balizar un circuíto dun quilómetro, o máis utilizado polos deportistas.

xoves, 23 set 2010
1285245802Castrelos.JPG
Esta era unha demanda do atletismo local que o concelleiro satisfixo e que permitirá ás e aos atletas que o desexen, sexan ou non federados, "ter referencias de tempo moito máis exactas durante os seus adestramentos". Como cada día, Castrelos estaba cheo de deportistas e varios deles aproveitaron para saudar ao concelleiro e interesarse pola novidade das balizas.

Acompañado polo veterano atleta olímpico Javier Álvarez Salgado, polos directivos do Celta e do Comesaña, Alfonso Posada e Belarmino Alonso, adestradores e representantes da delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo, o edil nacionalista comprobou a axeitada localización dos postes, "coas árbores á esquerda, como ten que ser", apuntou Álvarez Salgado, que felicitou ao concelleiro pola súa iniciativa.

En vindeiros días situarase á altura da primeira das dez balizas un cartel indicador co mapa do circuíto que durante décadas ten prevalecido para as e os deportistas que gozan do pulmón de Castrelos.
Descargar todas as imaxes