Escoitar

Vigo recibe o premio á mellor actividade ou programa deportivo pola celebración do Foro Mundial FISU

O Concello de Vigo recibiu o premio á mellor actividade ou programa deportivo pola organización do Foro Mundial FISU que se celebrou na nosa cidade no pasado mes de xuño. O galardón foi concedido por unanimidade polo xurado dos I Premios Galicia á Xestión Deportiva da Asociación Galega de Xestores Deportivos, que presidía Eduardo Blanco Pereira.

mércores, 22 set 2010
Con estes premios esta asociación quere distinguir ás persoas é entidades que teñen destacado pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da xestión deportiva en Galicia. No caso de Vigo o xurado valorou aspectos como a organización, calidade e proxección que tivo a celebración na nosa cidade do Foro Mundial FISU.

Este premio supón un novo recoñecemento ao labor que desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes se está a facer a prol do deporte, traballo que tivo o seu máximo recoñecemento coa concesión este mesmo ano do Premio Nacional do Deporte.

Xunto ao Concello de Vigo tamén foron premiados pola Asociación Galega de Xestores Deportivos a presidenta da Federación Galega de Taekwondo, Merce Barrientos, na categoría de mellor xestor deportivo; Begano como mellor patrocinio deportivo, a Deputación de Ourense como mellor entidade pública; o Club Fluvial de Lugo e a Fundación Rías do Sor, na categoría de mellor entidade privada; e o Concello de Abegondo como mellor municipio de menos de 15.000 habitantes.