Escoitar

O tenente de alcalde presenta en Porto o Vigo Cool Night e acorda un protocolo de promoción turística coa cidade lusa

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou hoxe ao concelleiro de Turismo da Cámara Municipal de Porto, Vladimiro Feliz, o evento Vigo Cool Night, que se desenvolverá na nosa cidade a fin de semana do 20 ao 24 de outubro. O encontro permitiu tamén, según explicou Santi Domínguez, sentar as bases para a sinatura dun protocolo de promoción turística entre as dúas cidades e avanzar na organización dunha acción de difusión da oferta de Vigo en Porto en outubro.

venres, 17 set 2010
1284727640Porto.JPG
O nacionalista salientou que a xuntanza resultou moi produtiva xa que ambos responsables de Turismo analizaron os elementos que teñen en común as dúas cidades para abordar accións conxuntas de promoción. Santi Domínguez indicou que "hoxe se sentaron as bases para desenvolver un protocolo de colaboración que se asinará en breve para poder iniciar un traballo en común do que estou certo de que Vigo vai saír moi beneficiada".

O tenente de alcalde avanzou que acordou tamén co seu homólogo de Turismo desenvolver unha acción de promoción de Vigo en Porto xa a finais do vindeiro mes de outubro con touroperadores lusos para dar a coñecer a oferta turística da nosa cidade. Nesta oferta inclúese o Vigo Cool Night, unha iniciativa de ocio que se enmarca nas accións de promoción de Vigo que se están desenvolvendo dentro do Plan de Competitividade Turística. A reunión que hoxe mantivo o tenente de alcalde co concelleiro de Turismo de Porto permitiu recabar a colaboración da Cámara Municipal para realizar diversas iniciativas de promoción do evento na cidade lusa.

O Concello de Vigo e a Federación Provincial de Emrpesarios de Hostelería de Pontevedra (Feprohos) impulsan o Vigo Cool Night co obxectivo de poñer en valor a oferta de ocio de Vigo mediante concertos de música en directo, festas temáticas, exposicións e sesións con videojockeys, entre outras, e nas que participarán as empresas hosteleiras que forman parte de Feprohos. Celebrarase entre o 22 e o 24 de outubro cun intenso programa de actividades culturais, musicais e de lecer co fin de que durante ese fin de semana "se poida gozar das propostas máis interesantes que ofrecen os locais de Vigo que decidan unirse á iniciativa", segundo indicou o tenente de alcalde.

Entre as actividades que se inclúen neste proxecto figura o concerto de A Caravana América de Xoel López o 22 de outubro no pavillón das Travesas, coa participación de máis de 20 artistas de España, Portugal, Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Colombia, Estados Unidos, República Dominicana e Chile. O día 23 haberá tamén unha Festa Retro e durante toda a fin de semana desenvolveranse unha mostra gastronómica baseada no peixe e o marisco.
Descargar todas as imaxes