Escoitar

Caballero afirma que 800 prazas do novo aparcadoiro en construcción de Peinador estarán dispoñibles para Conxemar

O alcalde reuníuse este mércores cos responsables da "feira de conxelado máis importante do mundo", que terá lugar no IFEVI do 5 ao 7 de outubro, datas nas que Caballero confía que poida estar operativa a primeira fase do novo aparcamento do aeroporto, con capacidade para 800 prazas. Caballero asegurou que poderase acceder a pé desde Peinador ao recinto e definiu a Conxemar como "o Xacobeo de Vigo" pois completa a oferta hoteleira de toda a provincia.

mércores, 15 set 2010
1284564631conxemar.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou hoxe mércores a súa confianza en que as 800 prazas da primeira fase do novo aparcamento de Peinador poidan estar hábiles durante a celebración de Conxemar, entre o 5 e o 7 de outubro.

Caballero asegurou que o 30 de setembro rematarán os traballos de construcción desta primeira etapa e confiou en que o día 5 de outubro estean xa operativas. O socialista apuntou asemade que "xa poderase acceder a pé desde o aeroporto ata o IFEVI", con beirarrúas e pasos de peóns, e que a decoración da rotonda de Peinador -en uso desde fai un ano- estará concluída para a Feira.

"Conxemar é o Xacobeo de Vigo", definiu o alcalde, xa que durante as tres xornadas de duración do evento as preto de 25.000 persoas que asisten completan o aforo hotelero de toda a provincia de Pontevedra, e incluso ocupa espazos en Ourense e Santiago.

Abel Caballero puxo a disposición da organización todos os medios municipais para a Feira e avanzou que o Concello tratará de mellorar a sinalización. Conxemar é "a feira de conxelado máis importante do mundo" -só compite coa Seafood de Bruxelas, explicou o primeiro edil- e fixa os prezos do peixe conxelado para o próximo ano. "Vigo volve a ser o lugar de referencia do mundo da pesca", concluíu.
Descargar todas as imaxes