Escoitar

O Museo de Castrelos convida a participar o domingo no obradoiro "Landriña descobre os segredos do xardín"

"Landriña descobre os segredos do xardín" é a nova proposta que terá lugar o vindeiro domingo no Museo Quiñones de León, no marco do programa "Domingos de Museo". Neste obradoiro, que comezará ás 11.30 horas, pode participar ata un máximo de 15 nenos e nenas cun máximo de dous acompañantes.<br />

venres, 27 ago 2010
Como cada domingo Landriña, a mascota do Museo da Cidade, é a encargada de presentar un itinerario temático que inclúe xogos e actividades. Nesta ocasión, a mascota propón un percorrido polos xardíns históricos do pazo, onde ademais de coñecer as diferentes partes do xardín os participantes poderán descubrir os tesouros que garda, como escudos e esculturas antigas, pero tamén sorprendentes obras de arte contemporánea.

A aventura nos xardíns completarase con diferentes xogos e actividades que terán lugar ao longo da visita e cos que se porá a proba a observación e creatividade dos participantes.
O Museo da Cidade tamén organiza visitas guiadas ao recinto, os domingos ás 12.30 horas. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer, de xeito ameno, a historia do Pazo Quiñones de León, así como algunhas das súas curiosidades. Como complemento a esta actividade, tamén é posible subir ás torres, dende as que se goza dunha privilexiada visión do contorno.

Os percorridos guiados ao xacemento da Villa Romana de Toralla ata o mes de setembro, poden realizarse de martes a domingo de 12 a 20 horas. As visitas ao xacemento de O Castro, pola súa banda, son de martes a domingo de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas.