Escoitar

O Museo de Castrelos propón para o vindeiro domingo a visita dinamizada "Landriña descobre a mitoloxía"

O Museo da Cidade Quiñones de León organiza para o vindeito 15 de agosto unha nova proposta gratuíta do programa "Domingos de Museo", centrada nesta ocasión na mitoloxía. A actividade, dirixida aos nenos e nenas e ás familias, comezará ás 11.30 horas e terá unha hora de duración. Na visita, os familiares que acompañan aos rapaces poden participar na actividade ou deixalos ao coidado do persoal educador.

venres, 13 ago 2010
No percorrido "Landriña descobre a mitoloxía", a mascota do museo propón unha nova ruta a través dos cadros e obxectos das coleccións que permitirán descubrir os mitos e historias, asía como os principais deuses e monstros xurdidos da mitoloxía occidental. Durante a visita a mascota tamén proporá varios xogos de observación relacionados coa temática de este domingo. Para rematar a visita os participantes realizarán unha actividade relacionada coa creación e orixe dos mitos.

Cada domingo, Landriña é a encargada de presentar un itinerario temático polo Museo da Cidade e o seu xardín histórico para amosar as particularidades da colección de arte. O número máximo de participantes na visita dinamizada é de 15 nenos cun máximo de dous acompañantes.

Ademais desta proposta, o Museo da Cidade tamén organiza visitas guiadas ao recinto, os domingos ás 12.30 horas. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer, de xeito ameno, a historia do Pazo Quiñones de León, así como algunhas das súas curiosidades. Como complemento a esta actividade, tamén é posible subir ás torres, dende as que se goza dunha privilexiada visión dos xardíns.

Os percorridos guiados ao xacemento da Villa Romana de Toralla ata o mes de setembro, teñen lugar de martes a domingo de 12 a 20 horas. As visitas ao xacemento de O Castro, pola súa banda, son de martes a domingo de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas.