Escoitar

Santi Domínguez presenta en Lorient os atractivos turísticos de Vigo ante os principais turoperadores franceses

O tenente de alcade e concelleiro de Turismo de Vigo, Santi Domínguez, presentou este venres os atractivos turísticos da cidade ante os principais turoperadores franceses que se atopan na cidade francesa de Lorient con motivo da 40 edición do Festival Intercéltico. Na presentación, que se celebrou na carpa do Village de Turismo de Vigo, tamén participaron o concelleiro de Cultura, Xesus López, e a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso.

venres, 13 ago 2010
Vigo está presente no Festival Intercéltivo cun estand informativo e hoxe tivo lugar o acto promocional central cunha comida ofrecida polo Concello de Vigo e o Concello de Lorient a máis de 40 turoperadores francesese representantes de turismo de distintas localidades da área de Lorient. No transcurso do acto, Santi Domínguez destacou as potencialidades de Vigo que permiten ofrecer unha oferta turística de calidade.

O tenente de alcalde salientou que os atractivos turísticos de Vigo están "estreitamente vinculados ao mar e á Ría", de xeito que ofrece amplas posibilidades para a práctica de deportes náuticos. Mencionou tamén a oferta gastronómica, así como a riqueza cultural integrada na rede de museos e nos xacementos arqueolóxicos, "que permiten visualizar o traballo desenvolvido a prol da recuperación do patrimonio histórico", comentou.

Santi Domínguez fixo referencia asemade á variedade da oferta de lecer e á importancia do casco histórico "como elemento cultural e factor dinamizador da cidade". Neste sentido, o responsable do departamento de Turismo do Concello de Vigo convidou aos operadores turísticos a visitar a cidade e ofrecer Vigo como destino turístico ao longo de todo o ano.

Ao respecto subliñou que xoga un papel fundamental a capacidade organizativa da cidade para acoller congresos e eventos da máis variada índole, de forma que segundo apuntou o tenente de alcalde, "a desestacionalización do turismo en Vigo comeza a ser unha realidade".

O acto rematou coa proxección dun vídeo promocional da cidade, no que se recollen os atractivos máis significativos e que deu pé á resposta dos propios especialistas do sector. "Os turoperadores valoraron moi positivamente a oferta que Vigo ofrece, polo que quedaron emprazados para seguir traballando conxuntamente", manifestou o tenente de alcalde ao rematar o acto.

Ademais de promocionar a cidade de Vigo ante o sector turístico francés, este acto serviu tamén para afondar no irmanamento entre Vigo e Lorient, que xa este ano tivo a súa primeira actividade co intercambio protagonizado por mozos e mozas das dúas cidades. "Queremos seguir afondando na relación que une as dúas cidades impulsando actuacións non so nos eidos da cultura e o turismo, senón tamén nos ámbitos deportivo, económico e educativo", asegurou Santi Domínguez ao respecto.