Escoitar

Mika pechará o vindeiro sábado no auditorio de Castrelos o programa das Festas de Verán 2010

O cantante libanés Mika porá o vindeiro sábado 14 de agosto (23:00 horas) no auditorio de Castrelos o broche de ouro ás Festas de Verán 2010. Segundo afirma o concelleiro de Cultura, Xesus López, as festas deste ano contaron cunha programación ampla e variada, adaptada a todos os públicos e idades e que foi seguida por milleiros de persoas en diferentes puntos da cidade.

xoves, 12 ago 2010
1281617243mika.jpg
Xesus López asegura que aínda que Mika ten un curta carreira musical, "é xa un dos grandes artistas do momento" e acumula varios e importantes premios. En 2007 saíu o seu primeiro disco "Life in cartoon motion" e no 2009 "The boy who knew too much", que fai referencia a un episodio dos Simpsons, serie da que o cantante se declara fan. Os seus espectáculos están cheos de colorido e destacan pola súa escenografía moi teatral.

A venda de localidades vai a moi bo ritmo e xa se levan vendidas 2.700 entradas ao prezo de 12 euros en venda anticipada (no despacho de billetes o día do concerto o custe da localidade será de 15 euros). Nestes momentos, as persoas interesadas en mercar o seu ticket para acceder á zona de pago do auditorio de Castrelos poden facelo a través da páxina web de servinova (www.servinova.com) ou ben na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno).

As Festas de Verán 2010, programadas pola Tenencia de Alcaldía e pola Concellería de Cultura, contaron cunha programación moi variada para cubrir os diferentes gustos da cidadanía e a resposta do público foi espectacular en todos os programas postos en marcha. Ademais dos grandes concertos en Castrelos (Norah Jones, Patti Smith, Joan Manuel Serrat, Public Enemy, David Bisbal, Castrelos Circus ou Mika), houbo programacións tamén noutros puntos da cidade (Praza de Compostela, Praza da Constitución, Praza da Estrela ou rúa Londres, entre outras) e a resposta do público sempre foi espectacular, abarrotando os diferentes espazos.
Descargar todas as imaxes