Escoitar

A sinatura dun convenio con Alcampo continúa coa aposta do Plan Municipal de Emprego pola formación de desempregados en empresas

venres, 10 mai 2002
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, asinou esta mañá un convenio coa empresa Alcampo,S.A. para desenvolver un curso de formación ocupacional de “Caixeiro de gran superficie”, co compromiso final de contratar o 50% dos participantes por un período non inferior a tres meses, sempre e cando rematen satisfactoriamente. O convenio regulará a acción formativa que terá unha duración de 125 horas lectivas, incluídas as prácticas, e que supón un custo de 2.434 euros.

Os beneficiarios deste curso, que se leva a cabo no marco do Plan Municipal de Emprego 2000-2003, seleccionaranse entre as persoas desempregadas entrevistadas polos técnicos do Servicio de orientación laboral do Concello, que teñan dentro do seu itinerario formativo a necesidade de realizar cursos de formación para mellora-las súas condicións de ocupabilidade.

Coa sinatura deste primeiro convenio deste ano 2002 preténdese continuar na liña da experiencia exitosa obtida na execución de proxectos municipais acollidos ás Iniciativas Comunitarias de Emprego, así como do Plan formativo do ano 2001 no que deseñáronse oito accións formativas, cun custo de máis de 129.225 €, e que beneficiaron a 114 desempregados.

A formación ocupacional realízase nun ámbito productivo real, a empresa, onde os alumnos observan e desempeñan as actividades e funcións propias dos distintos postos de traballo, ó tempo que coñecen as relacións laborais e a organizacións dos procesos productivos. Este convenio é o primeiro que forma parte do Plan formativo 2002.