Escoitar

Concello de Vigo e Universidade desenvolverán o proxecto de investigación e musealización da Villa romana de Toralla

xoves, 9 mai 2002
imx1393.jpg
Mosaico atopado
A Comisión de Goberno vén de aprobar o texto para a sinatura dun convenio entre o Concello e a Universidade de Vigo para a execución dun proxecto de I+D centrado na investigación e posta en valor científico, cultural e social do xacemento arqueolóxico da Villa romana de Toralla, situado na chamada finca de Mirambell, na parroquia viguesa de Oia.

As actuacións previstas no convenio consisten, sumariamente, na investigación dos vestixios arqueolóxicos, na conservación, recuperación e musealización das ruínas, e mais na implementación dun espacio de exposición e interpretación que permita unha adecuada rendabilización e fruición social do conxunto.

Coa sinatura deste convenio iníciase unha fase definitiva que permitirá dar continuidade ó proceso iniciado coas excavacións arqueolóxicas que o Concello de Vigo principiou no ano 1992 neste xacemento, datable entre os séculos III a IV d.C., e consolidalo, finalmente, como un importante recurso cultural e turístico e de referencia para a comprensión desta época da ocupación humana do noso territorio.

Os obxectivos pretendidos polo proxecto -dirixido polo profesor Fermín Pérez Losada, adscrito ó departamento de Historia, Arte e Xeografía da Facultade de Humanidades do campus de Ourense-, atenden ás dúas dimensións potenciais do xacemento, isto é, a de índole científica e investigadora (estudio arqueolóxico do xacemento como fonte primaria de información histórica) e a de índole patrimonial (conservación e musealización do xacemento encamiñada a súa difusión e rendabilización social).

Sinteticamente, os obxectivos deste proxecto de I+D son os seguintes:

- Investigación arqueolóxica e científica do xacemento e o seu entorno ata a obtención de toda a información histórica posible.
- Conservación e restauración do xacemento que asegure unha adecuada perduración para o futuro.
- Musealización do xacemento encamiñada a súa fruición e rendabilización social (símbolo tanxible do noso pasado, educación/divulgación, turismo cultural).
- Plano de xestión, promoción e viabilidade para o xacemento musealizado que garanta o seu funcionamento e futura autonomía económica.
- Coordinación e dirección central de tódolos estudios e actuacións previstas no xacemento.

A execución deste proxecto ten prevista unha duración de 26 meses, iniciándose en maio de 2002 e rematando en xullo do 2004. O financiamento previsto para as accións contempladas no proxecto aprobado correrá inicialmente a cargo do Concello de Vigo coas seguintes anualidades:

Ano.........

2002.....135.419,26
2003.....141.000
2004.....29.663,34

TOTAL...306.082,60

Nos próximos días terá lugar o acto formal da sinatura do convenio entre o alcalde e o rector da Universidade de Vigo.


EXTRACTO DA INTRODUCCIÓN DO PROXECTO ELABORADO POLA UNIVERSIDADE DE VIGO

A existencia desta estación arqueolóxica é coñecida desde antigo gracias ás exhuma-cións e achados efectuados nas primeiras décadas de século pola familia Mirambell, daquela propietaria do terreo.

Os vestixios consistían en estructuras murarias (hoxe aínda visibles) e algúns materiais mobles (cerámicas, moedas, etc.) que foron presentados e someramente anali-zados nun artigo publicado en 1982 (HIDALGO CUÑARRO/COSTAS GOBERNA: “La villa romana de Toralla”, EMP, 36, pp. 351-365).

Dez anos despois, unha vez recuperada a titularidade da finca por parte do Concello de Vigo, este promovéu a realización dun amplo programa de intervencións arqueolóxicas no lugar, consistente nunha primeira campaña de sondaxes valorativas (1992, dir. J.M. Hidalgo Cuñarro) seguida de dúas campañas de escavación en área (1993-1994, dir. Purificación Soto Arias).

A excavación, centrada sobre a área onde as sondaxes resultaron positivas así como sobre o “sector Mirambell” onde xa había estructuras á vista, exhumou case totalmente unha grande construcción rectangular (interpretada como o edificio principal da villa), plantexou dúbidas sobre a “veracidade” de boa parte das estructuras do sector Mirambell, e descubriu indicios dalgunhas outras estructuras nas inmediacións.

Os resultados destas intervencións arqueolóxicas foron recollidos nos preceptivos informes, inéditos e de carácter preliminar (rexistro de estructuras e achados, somero análise e interpretación). Falta non obstante un estudio amplo e profundo dos vestixios atopados (especialmente dos abundantísimos materiais mobles), así como a súa presentación pública tanto no ámbito científico (edición de libros e artigos especializados, comunicacións a Congresos, etc.) como no sociocultural xeral (edición de guías, exposición ó público das ruínas, etc.)

O considerable tamaño da área exhumada (ca. 1.500 m²), a conservación razonable-mente boa dos vestixios, a moderada monumentalidade dalgúns deles (hipocausto, mosaico), as excelentes perspectivas de investigación e as inmellorables potencialidades de musealización e difusión determinan que o xacemento atinxa non só unha considerable importancia científica e histórica senón tamén como ben cultural, ou sexa, a dun patrimonio arqueolóxico privilexiado que precisa conservarse e merece unha adecuada posta en valor sociocultural.

Consciente desta dimensión patrimonial, o Concello olívico promovéu en 1994 a realización dunha exitosa exposición didáctica no propio xacemento, encomendóu en 1995 a un gabinete de arquitectos vigués a redacción dun proxecto arquitectónico preliminar (diseño dun Centro de Interpretación e da urbanización xeral da finca) e, especialmente, encargóu a unha empresa especializada en patrimonio arqueolóxico (Tomos S.L.) a elaboración dun proxecto integral de musealización e xestión do xacemento que foi finalmente presentado en 1997.

Loxicamente, durante estes anos o Concello tamén realizou os necesarios traballos de conserva-ción preventiva in situ das ruínas arqueolóxicas.

O proxecto de musealización presentado por Tomos S.L., denominado “Proyecto básico y de ejecución de la primera fase de la musealización del yacimiento de la villa galaicorroma-na de Toralla”, contemplaba un plano-director de actuacións a seguir (eliminación de elementos distorsionantes, escavación arqueolóxica, conservación e musealización das ruínas, programa museográfico do Centro de Interpretación, xestión de público), acompañado do correspondente orzamento e prazos de execución: recomendaba asemade que existise unha coordina-ción/dirección xeral, única e centralizada, para o desenvolvemento do proxecto.

Despois dalgúns anos de impass, a mediados do ano 2001 responsables da Concellería de Patrimonio Histórico vigués póñense en contacto coa Universidade de Vigo (Prof. Fermín Pérez Losada) na procura da citada coordinación/dirección xeral.

Tras varias reunións de traballo acórdase entón que o marco adecuado para a efectiva realización da intervención sobre o xacemento de Toralla é plantexalo como un proxecto de I+D da Universidade de Vigo encarga-do polo Concello vigués. Esto implica loxicamente a redacción dun novo proxecto mais amplo e ambicioso, elaborado e asumido directamente pola Universidade (o orixinario entregado por Tomos S.L. será tomado como referencia e punto de partida), que é o que agora se presenta.

Descargar todas as imaxes