Escoitar

Concertos, danzas e teatro das Linguas Faladas encherán a praza da Constitución

xoves, 9 mai 2002
imx1389.jpg
Arsa
Normalización Lingüística organiza, en colaboración con Caixa Galicia e a Universidade de Vigo, o ciclo ”As Linguas Faladas” que contará con conferencias, concertos, teatro e danzas tradicionais. Estas actividades celebraranse a vindeira semana e englóbanse na programación ”En presente, en futuro: en galego”.

Linguas mediterráneas, atlánticas e ibéricas son os eixos das actuacións que se celebrarán do 12 ao 14 de maio ás 20:30 na praza da Constitución. O domingo 12 de maio haberá un baile-concerto occitano a cargo do grupo ”Familia Artus”, o luns 13 chegarán a música e danza bretonas dos grupos ”Ensamble Kizhier” e ”Arsa” e o martes 14 será o teatro musical de ”Cía Marful” o que encherá a praza da Constitución.

O xornalista Yann Rivallain ofrecerá unha conferencia o luns 13 de maio ás 20:00 no auditorio de Caixa Galicia. Yann Rivallain é redactor xefe da revista ArMen, unha publicación sobre a Bretaña e os países célticos, con sede en Douarnenez, no departamento de Finistère na Bretaña.

O martes 14 de maio, o profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas dará unha charla no Paraninfo da Universidade ás 20:00 horas e o membro do Instituto Occitano Jean Jack Casteret falará o mércores 15 de maio ás 20:00 no auditorio de Caixa Galicia.

Conferenciantes

Yann Rivallain

Nado en Lorient, medrou en Nantes onde fixo os seus primeiros estudios. Titular dunha ”maîtrise” de Estudios Europeos e dun Master de Cultura Política Contemporánea en Europa. Levou a cabo os seus estudios universitarios en Gran Bretaña, Alemania e Francia. Morou durante cinco anos na República de Irlanda onde traballou no espacio de novos ”media” así como responsable do departamento da Oficina Europea para as Linguas Minorizadas -European Bureau for Lesser Used Languages (EBLUL)- participando na elaboración de numerosos proxectos culturais relacionados coas linguas minorizadas. Fala bretón, francés, inglés e alemán.


Jean Jacques Castéret

Dirixe o departamento de Musicoloxía do Institut Occitan en Pau. Nado en Pau, Pirineos Atlánticos, en 1970. Fala Occitano, francés, inglés, castelán, catalán e italiano. Na actualidade é responsable de misión confederal das Escolas Occitanas laicas “Calandreta”, coordinador xeral do colectivo “Liberté, Egalité pour nos Langues”, doutorando de Etnomusicoloxía da Universidade de Burdeos e doutorando asociado ó LACITO do C.N.R.S., membro de “Parole/Musique” UMR 7107 LACITO/C.N.R.S., membro da Sociedade Francesa de Etnomusicoloxía e responsable do departamento de Musicoloxía do Instituto Occitano.


Grupos

ARSA

Laurent Laiidât: Membro de grupos como Chai Ha Diclial, kan ha diskan (dúo vocal tradicional bretón) amósanos o seu timbre de voz particular en cada un dos espacios nos que participa. Profesor nas escolas Diwan.

Didier Di-éau: Guitarrista. Membro fundador-compositor do afamado grupo Kern e Mat Pell Zo. Musico inspirado, arranxista de talento, tamén participa activamente nos Fest-Noz. A súa gran sinatura aparece no álbum « Duo » en colaboración con Kristen Nikolas.

Nlare Paille: Membro de diversos grupos e bandas de gaitas bretonas como Tah Aral, le Bagad Ronsed Mor, Lokoal Mendon, Hirhoal, Int, (Paulo/Dauneau(flûte/guitare), Kate Me, Paulo/Mattheyses (bombarde/biniou), Bagad de Port-Louis, Sabaterion. Toca a frauta, bombarda e biniou.

Stéphane Le Dro: Clarinetes. Gran músico coñecedor dos estilos tradicionais de diversas comarcas da Bretaña. Amósanos unha técnica depurada e un swing sorprendente na súa aportación ao grupo.


ENSEMBLE KIZHIER PLUGUEN (BRETAÑA)

Pluguffan o Pluguen é unha comuna situada na comarca do Pays Glazik, moi perto da capital do departamento de Finistére, Kemper. Creada en 1998 o ”Ensemble Kizhier Pluguen” está formado por 20 danzaríns e músicos. Todos os membros do grupo están especialmente interesados e comprometidos co pasado e o presente da cultura bretona, e o seu desexo é transmitila ás novas xeracións e a outras comunidades culturais abertas á tradición como actual corrente de comunicación entre os pobos.
Os vestidos e roupas utilizados datan de principios do século XX, sendo estes moi ricos e estilizados dentro da tradición bretona.

Malia os poucos anos de existencia desta agrupación de danzas tradicionais o ”Ensemble Kizhier Pluguen” levou a cabo moitas actuacións e representacións estando situada nas categorías máis importantes dos chamados ”Cercles Celtiques” bretóns. Foi moi brillante a súa participación no ”Emvod 2002” ou concurso nacional da Bretaña onde confirmou a súa calidade tanto en coreografía como en danza tradicional. Gavottes, andro, dance plinn, laridées e scottish son algúns dos ritmos autóctonos bretóns que serven tanto para as ”festoú noz” (bailes populares) como para os pasarrúas e ”pardóns” (procesións) que na Bretaña forman parte da cultura cotiá, onde as festas populares evidencian o actual das tradicións seculares. E aquí, nestas fontes, é onde o ”Ensemble Kizhier Pluguen” nutrese dos bailes e danzas que máis tarde han desenrolar cara ó público.

O ”Ensemble Kizhier Pluguen” participou igualmente no espectáculo ”LIVIOU 2000”, creación plástica de Patrick Le Doaré, obra maestra de coreografía producida nos teatros máis importantes de Bretaña.
Actualmente tamén presenta coreografías modernas baseadas nas músicas do guitarrista e compositor Didier Dreau.


FAMILHA ARTÚS B (OCCITANIA)

A FAMILHA ARTÚS é un grupo de cinco compoñentes todos músicos tradicionais dende a infancia e con un gran coñecemento sobre o repertorio occitano e concretamente gascón. Ademais elaboran o que eles chaman « COSMOTRAD » ou música cosmopolita, actual, ligada á cultura da Gascuña.

A súa andaina artística permitiulles crear un universo musical personal e sorprendente. Reinterpretación de melodías tradicionais adoptadas e adaptadas, así como composicións orixinais son os dous fundamentos desta música, a miúdo percibida como doutro tempo pero que sempre pervive e innova.

Experimentos improvisados conducíronos cara a investigación melódica, harmónica, rítmica, lingüísticas pero igualmente sonoras, posicionando os instrumentos tradicionais e as súas especificidades nunha dinámica decididamente moderna.

Os seus coñecementos sobre a música tradicional permítenlles levar a cabo diversas actividades:
-Presentación da cultura occitana a través de instrumentos musicais, danzas tradicionais, repertorio de músicas occitanas…)
-Cursiños prácticos de danza gascona… e de toda a escala pirenaica
- Cursiños prácticos de instrumentos tradicionais (zanfona , frauta de tres buracos, gaita landaise, acordéon diatónico…)
- Animación escolar sobre os mesmos temas.
- Baile Gascon
- Concert COSMOTRAD

Dende a súa creación o grupo ten actuado en numerosas manifestacións culturais tanto en Occitania como no resto de Europa. No ano 2001 foron seleccionados para representar o seu país no EUROFOLK en Italia (Xuntanzas de músicos xoves en danzas e músicas tradicionais)


Os compoñentes de FAMILHA ARTUS

TOTON (Matèu BAUDOIN): Flabuta, Tamboril, Beson, Sonsaina, Caremera, Votz. Practica os instrumentos tradicionais dende hai mais de dez anos no Conservatorio de Pau.

COSIA (Roman BAUDOIN): Sonsaina, Artúsofona, Flabuta, Tamborin, Caremera, Cajon, Votz. Profesor titular do ”Diplôme d´Etat” de flauta e zanfona.

NINÒTA (Sandrina CLAVERIE): Acordeon diatonic, Artúsofona. Pola súa técnica e o seu coñecemento do repertorio tradicional é unha das acordeonistas de referencia en Gascunha.

PAIR BON (Roman COLAUTTI): Baisha, Boha, Percusions.
Estudia música moderna e Jazz en Toulouse, practicando igualmente a gaita landaise (boha) no ”Conservatoire Occitan”.

MAMAIR (Lionel DUBERTRAND): Boha, Percusións, Voz.
Etnólogo, especialista en danzas tradicionais ademais é reputado como profesor de baile tradicional.

A CÍA. MARFUL

A Cia Marful é un proxecto en comunicación con distintas expresións artísticas como a literatura, a pintura, a expresión corporal... que representan unha mesma xeración de artistas.

O obxectivo de Marful é percorrer o mundo no difícil camiño da emoción e conseguir o equilibrio no fio da ambiguedade todo baixo o amparo da música. Marful arranca coa voz chea de sensualidade de UXIA PEDREIRA, (anteriormente cantante do grupo Chouteira e hoxe Directora do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín), PEDRO PASCUAL (músico do grupo Laio e profesor de acordeón diatónico no mesmo conservatorio), PABLO ALONSO (tamén membro do grupo Laio e profesor de clarinete na escola de jazz Studio de Santiago de Compostela) e MICHEL GONZALEZ ( profesor de guitarra na mesma escola e músico de distintas bandas de jazz en Galiza), ademáis dun equipo técnico e especiais colaboracións.

Na música de Marful danse cita tanto elementos de raiz como contemporáneos, acústicos e eléctricos, de tradición musical europea e americana... nunha estrana comunión que nos fala nas proprias linguaxes do século XXI.

Marful reelabora música ambientada no periodo de entreguerras xunto con novas composicións de Uxia Pedreira, recreación de pezas interpretadas por orquestras galegas de época, novas letras de escritores/as contemporaneos/as como ANXO QUINTELA,JACQUES PREVERT, ANTONIO BARROS, OLGA NOGUEIRA, MANOLO PIPAS, JOSÉ DO PICO, R.CARVALHO CALERO e a propria Uxia, forman o universo dialéctico de Marful.

A Cía. Marful é:

Uxia Pedreira, voz.
Pedro Pascual, acordeón diatónico,
Pablo Alonso, clarinetes
Michel Gonzalez, guitarra.

Descargar todas as imaxes