Escoitar

Programación mensual das ludotecas de Coia e da Casa da Xuventude

venres, 10 mai 2002
imx1394.jpg
Logotipo das ludotecas
Neste mes as actividades das ludotecas da Concellería de Xuventude estarán dedicadas á celebración da festa dos maios, á importancia de ter un aspecto san e coidado e ó medio mariño. As lodotecas municipais, situadas na Casa da Xuventude e en Coia, están abertas á participación de tódolos rapaces.

Na primeira quincena, as cores da primavera entran na vida dos rapaces que asistan á ludoteca da Casa da Xuventude. Comezarase o mes coa asemblea de socios, onde se debaterán as súas propostas e suxerencias para decidir entre todos que ideas se poden levar a cabo para seguir animando a Ludoteca.

Decorarase a Ludoteca con grandes flores, froitos, verduras, bolboretas, xoaniñas e grilos, con alegres cores que lembrarán que a primaveira está aquí con todo o seu esplendor, transmitindo este entusiasmo e amor pola vida a tódolos Ludosocios.

Sairase ós parques e montes máis cercanos para recoller materiais naturais (fiunchos, canas, palla, flores follas, paos,..., coa intención de construír un “maio” dentro da Ludo e decoralo.

Vestiranse de primavera con motivos florais (colares, diademas, colgantes, pulseiras de man e de pés...) e danzarán, cantarán e xogarán arredor do “maio”.

Rematará esta “Alegoría Primaveral” facendo un desfile no que os socios virán vestidos con roupa máis fresquiña, o xoves 16 de maio (pantalón curto, saia, camiseta, sandalias, sombreiros e gorros).

Na segunda quincena: “Musi-fruit para coidarte”

O día 22 haberá na Ludoteca un festival a cargo da Escola Municipal de Música, que nos deleitará ós rapaces co seu repertorio de temas clásicos.

Faranse divertidos e riquísimos batidos combinando distintas froitas, descubrindo novos sabores e comprobando que a froita que atopada habitualmente, apórtalle ó corpo moita enerxía e benestar.

Colocarase un gran mural no que por medio de debuxos, recortes e comentarios nos que os socios expresen a súa opinión sobre a importancia que dentro da sua imaxe dan ó que comen, ó que beben, a como se visten, ó exercicio físico que practican e a súa forma de tomarse a vida.

Actividade cotiás

Felicitarase ós socios que cumpren anos neste mes.

Porase a punto o Ludocalendario de actividades.

Xogarase, lerase, bailarase, escoitarase, falarase...

Animación na biblioteca

Continuarase impulsando o gusto pola lectura con sesións de contacontos (unha cada semana) na biblioteca, na que os relatos de nenos transportaranos a mundos fantásticos e misteriosos.

Contaranse contos de Fernando Alonso: “ El hombrecito vestido de gris”.

Os obradoiros

OBRADOIRO DE TEATRO

Comezará a preparación dunha comedia musical: “O soño dunha noite de verán”

OBRADOIRO DE “PASTA DE SAL”

Confeccionaranse figuras de flores, froitas e colgantes para decorar a Ludoteca.

OBRADOIRO DE “BARRA LIBRE SEN ALCOHOL”

Elaboraranse distintos tipos de batidos e cócteles coa intención de seguir coidando o corpo por dentro para estar guapos por fóra.

OBRADOIRO DE PRENSA

Os socios continuarán escribindo sobre temas do seu interese e recollendo opinións dos demais.

OBRADOIRO DE MÚSICA E MOVEMENTO

Seguirase traballando e insistindo na idea de que un corpo máis san vai unido a unha mente máis esperta. Prepararase unha coreografía con música clásica para presentala o día do Festival Clásico.

EXCURSIÓNS:

Organizarase unha excursión ó monte da Guía para recoller materiais naturais e decorar os “maios”.


Ludoteca de Coia

O mar, o mar... Así comeza un poema do famoso poeta e “Mariñeiro en Terra” recoñecido. E así é o mar, todo, masculino e feminino, albergando no seu seo un universo propio, paralelo á nosa vida.

Nese marabilloso mundo de infinitas posibilidades ¿Quen non soñou con ser un pirata que surca os mares nun veleiro Bergatín?, ¿quen non quixo ser un capitán de 15 anos?, ¿ou baixar ata o fondo do mar nunha viaxe sen igual?

”O mar ten ese algo misterioso que nos fai soñar. Por iso, nos, que vivimosa a carón dél, queremos adicarlle este mes, que será un mes cheo de actividades e moi variadas”, explican os organizadores das actividades da ludoteca de Coia.

O primeiro de todo será facer un gran mural que se titulará “20.000 leguas de viaxe submariña”, no que cada un dibuxará o que máis lle guste do mar.

Farase tamén un MAR DE TIZAS, construirase unha BOTELLA XIGANTE para enviar mensaxes, UN TALLER DE CONSTRUCCIÓNS DE BARCOS e un TALLER DE BANDEIRAS DO MAR para que se acheguen a outras formas de comunicación.

Tamén haberá un TALLER DE CHAVEIROS MARIÑOS feitos con miga de pan e unha actividade moi especial que será a homenaxe Ó COMANDANTE COUSTEAU, co fin de dar a coñecer todo o que este home fixo en vida a favor do mar.

Construirase un panel informativo coas súas andainas, inventos, loitas e divulgacións que nos deixou. Ademais, como soñar non custa, farase que na Ludo atraque o Calypso na parede máis grande, o seu buque insignia e emblema universal da defensa do mar.

Tamén se fará unha curiosa colección de retratos titulada “Mariñeiros na Ludocoia” na que todos se porán o gorro mariñeiro, as gafas de bucear, barbas... para darnos unha idea de cómo serían estes pequenos lobos de mar, co traxe de faena.

Saídas

Na primavera irase á praia para xogar a carón do mar e aproveitar para recoller cunchas e pedras, coas que se fará logo unha exposición.

Na segunda saída, irase á piscina para dárense un merecido baño.

Queda o concurso “SABEMOS LA MAR...”, e o ciclo de cine mariño no que se proxectarán documentais tan magníficos como “Planeta Azul”, a última e máis espectacular das produccións feitas ata agora e tres películas para todos os gustos: “A sirenita”, “Atlantis” e “A Tormenta perfecta”.

E como colofón para o remate desta singradura mariña, nada mellor que organizar unha ¡¡BOA MARISCADA!! Está claro, esperan comezar xuño cun bo sabor de boca.

Descargar todas as imaxes