Escoitar

O luns remata o prazo de venda de abonos para os concertos do Imaxina Sons no Marco, Auditorio Municipal e Caixanova

O vindeiro luns, 31 de maio, remata o prazo para mercar os abonos para asistir aos concertos do Festival de Jazz Imaxina Sons que terán lugar no Centro Cultural Caixanova, MARCO e Auditorio Municipal. O abono completo, que posibilita asistir aos dez concertos, ten unha bonificación do 15% na compra telefónica no 902 504 500.

venres, 28 mai 2010
Ademais de mercar o abono completo, antes do 31 de maio tamén é posible adquirir separadamente o abono para os sete concertos do festival que terán lugar no MARCO (3 concertos) e no Auditorio Municipal (4 concertos) a un prezo de 18 euros. Asemade, pode adquirirse o abono para as 3 actuacións que terán lugar na Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova. Neste caso os prezos son en butaca, 30,60 euros; en 1º anfiteatro 28,05 euros; en 2º anfiteatro 25,50 euros e no 3º anfiteatro 22,95 euros.

Os tres concertos que se celebrarán no Centro Cultural Caixanova son a actuación inaugural co pianista francés Martial Solal, o 23 de xuño ás 21.30 horas; o espectáculo Root Africaine de Romano, Sclavis e Texier, o 27 de xuño ás 22 horas, e o concerto de clausura a cargo de Dave Douglas Quintet, o 4 de xullo ás 22 horas.

O MARCO acollerá tres concertos, todos eles ás 21.30h: Pierre Favre Solo. Poetry in Motion o luns 28 xuño; Carlos "Zíngaro" solo, violín con electrónica o martes 29 xuño e Marisco Fresco, o mércores 30 xuño.

Respecto ás actuacións que terán lugar no Auditorio Municipal, espazo que se incorpora ao Imaxina Sons, son catro: Red Trio + John Butcher o xoves 1 xullo, ás 20.30 horas; Arild Andersen Trio o venres 2 xullo, ás 20.30 horas; Franz Koglmann Monoblue Quartet. Lo-lee-ta. Music on Nabokov o sábado 3 xullo, ás 20.30 horas e Atlantic Bridge o dDomingo 4 xullo, ás 19.30 horas.

A partir do primeiro de xuño será posible a compra de entradas individuais para acudir aos concertos, tamén a través da web www.caixanova.es ou do teléfono 902 504 500. Os prezos nestes casos son 3 euros para os concertos do MARCO; 5 euros para os do Auditorio Municipal, e para os que se celebrarán no Centro Cultural Caixanova, 12 euros en butaca; 11 euros en 1º anfiteatro; 10 euros en 2º anfiteatro e 9 euros en 3º anfiteatro.

O mesmo día dos concertos poderase mercar as entradas nos despachos de billetes da sala do concerto no caso de non esgotarse na venda anticipada. O programa do Imaxina Sons tamén inclúe actuacións de entrada libre ate completar aforo no auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música e na praza da Constitución.