Escoitar

Xesus López anuncia que a web Vigocultura comeza hoxe a informar da programación "presente e futura" da Concellería

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este xoves que hoxe entra en funcionamento a páxina web da Concellería, Vigocultura, baseada na nova imaxe corporativa. Segundo o concelleiro nacionalista, Vigocultura é unha páxina de "gran atractivo visual e fácil utilización" que ofrece información completa da programación cultural organizada pola concellería, tanto presente como futura.

xoves, 27 mai 2010
1274973856Web.JPG
Xesus López destacou que a nova web é froito dunha das preocupacións da Concellería de Cultura respecto á necesidade de comunicación das actividades que este departamento organiza na cidade. Neste sentido, explicou que o seu obxectivo é facilitar información sobre as consultas concretas que os vigueses e vigueses fan sobre a programación así como das persoas que estando fóra de Vigo queren saber que actividades culturais se van desenvolver na cidade.

"Na Concellería de Cultura traballamos para que Vigo teña a programación cultural que se merece como principal cidade de Galiza", sinalou. Por iso, indicou que ademais de manter os festivais de prestixio "tamén puxemos en marcha novas iniciativas", entre as que figuran a imaxe corporativa e a nova web.

Respecto á imaxe corporativa explicou que consiste nun asterisco, "como símbolo de aclaración", representado en cinco cores (fucsia, azul, laranxa, amarelo e verde). Vigocultura conta cunha letra personalizada, en minúscula como reflexo de proximidade, e submarcas para os distintos apartados, como artes escénicas, exposición, festas ou cine.

Xesus López destacou que sobre esta imaxe se desenvolve a páxina web, que é accesible para as persoas con discapacidade. Indicou tamén que de momento está dispoñible en galego e castelán e que no futuro se incorporará o inglés. No tocante á estrutura da páxina, especificou que o corpo central está integrado por dúas columnas; na da esquerda recóllese a información sobre os eventos actuais e a da dereita para os eventos futuros.

O concelleiro de Cultura sinalou que a web inclúe un calendario, dende o que é posible acceder á axenda cultural, que recolle a información da concellería dende o 1 de xaneiro de 2010, así como información sobre os equipamentos culturais. Destacou que a web tamén permite outras posibilidades, como o acceso a ligazóns relacionadas, realizar a suscrición a información de interese ou realizar búsquedas mediante filtros.

En resposta a pregunta dos medios, Xesus López avanzou que proximamente tamén terá operativos os accesos necesarios para mercar as entradas para os distintos festivais.
Descargar todas as imaxes

Máis información