Escoitar

O Consello de Participación Cidadá será un foro de debate entre colectivos e Administración local

venres, 3 mai 2002
imx1373.jpg
Mariló Cabaleiro
A concelleira Mariló Cabaleiro anunciou a creación do Consello Municipal de Participación Cidadá que se constituirá o luns 6 de maio. ”É un órgano consultivo e de participación sectorial creado co obxectivo de ofrecer asesoramento, consultas, propostas, información, comunicación e debate de cara a que os vigueses tomen parte na vida política, social, económica e cultural da cidade”, explicou.

O Consello é tamén un órgano de colaboración activa naquelas cuestións de interese para as organizacións non lucrativas da cidade. Está destinado a facer propostas que lles afecten aos cidadáns, por unha mellora continuada no diálogo, na relación e nos servicios que o Concello de Vigo mantén con estas entidades e cos cidadáns para incrementar e soster a calidade de vida da cidade.

Unhas das primeiras accións que realizará o Consello é a elaboración dun código ético e reforma do regulamento de Participación Cidadá.

O Consello estará conformado por arredor de 40 persoas que se reunirán, en convocatoria ordinaria, cada tres meses. Disporán de José Luis Outes Ouro, Abel Losada e Eloy García, en calidade de asesores.

Representantes dos consellos sectoriais e territoriais municipais, do movemento asociativo, concelleiros, técnicos municipais, dos colectivos veciñais, de institucións, sindicatos e empresarios formarán parte deste Consello Municipal. Incorporaranse cidadáns que non pertenzan a ningunha asociación e que abranxan distintos sectores de poboación en función de xénero, idade e profesión, segundo explicou a concelleira Mariló Cabaleiro. Representantes da Consellería de Xustiza e Relacións Laborais, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, de partidos políticos, da Federación Veciñal e de sindicatos tamén pertencerán a este foro permanente de debate.

Poderán constituírense comisións de traballo para a elaboración de informes, estudios e propostas de actuación e nas que poderán participaren os expertos que sexan requiridos polo Consello.


Relación de consellos sectoriais constituídos no Concello de Vigo

Consello Económico e Social
Consello da Infancia
Consello Municipal da Muller
Consello Escolar Municipal
Consello da Xuventude
Consello Local de Consumo
Consello de Persoas Maiores
Consello Sectorial de Medio Ambiente
Consello Sectorial de Cooperación Internacional
Consello Municipal de Transporte Urbano Colectivo de Viaxeiros
Consello Municipal de Deportes
Consello do Control de Concesionarias de Servicios Públicos Municipais
Consello Local de Servicios Sociais

Relación de representantes a título particular

Marian García
Francisco David Cora
Benjamín Vázquez
Josefa Iglesias
Carlos Rodríguez
Aurora Corbacho
Rosa Guisande
Antonio Taboada
Ladislao Lago
Carlos Vega
Descargar todas as imaxes