Escoitar

O bus promocional de Vigo comeza en Oviedo unha xira por nove cidades

venres, 3 mai 2002
imx1374.jpg
Lílian Álvarez
A concelleira de Turismo, Lílian Álvarez, presentou o bus promocional que partirá cara Oviedo, a primeira das nove cidades que compoñen a xira que iniciará o 6 de maio. Un equipo de animadores darán a coñecer a oferta turística de Vigo en Oviedo, Xixón, León, Zamora, Valladolid, Salamanca Lisboa, Oporto e Braga.

O vindeiro luns, día 6, a equipa enviada pola Concellería de Turismo iniciará os seus labores de promoción na ovetense Praza dos Ferroviarios para, posteriormente, dirixirse a Xixón, León, Zamora, Valladolid, Salamanca e as tres cidades portuguesas de Lisboa, Oporto e Braga, cidade esta na que rematará a xira o vindeiro día 15 de maio.

Esta campaña promocional, que se desenvolverá a bordo dun bus de dúas plantas, expresamente rotulado con imaxes da cidade, forma parte do paquete de accións que a Concellería ten previsto desenvolver este ano no marco do Plan de Marketing 2002.

Segundo os estudios realizados, o maior potencial de crecemento do sector turístico se atopa, precisamente, nas provincias limítrofes con Galicia e Portugal.

Un estudio elaborado pola Universidade de Santiago, encargado por TURGALICIA, afirma que 4.584.254 excursionistas visitaron a nosa Comunidade o ano pasado, dos que 542.421 eran procedentes das poboacións limítrofes de León, Asturias e Zamora. É moi significativo que 4.041.833 fosen de Portugal, dos que más de 3 millóns pasaron pola cidade de Vigo.

As animadoras turísticas da Concellería atenderán as consultas na Oficina de turismo itinerante de 10 da mañán a 21.00h., ininterrompidamente, promocionando os productos estrela da cidade como o turismo náutico, o turismo de natureza e a gastronomía.

Os datos recabados nas distintas oficinas turísticas municipais, o IGE, ASEHOSPO, FRONTUR e IET, amosan que o 85% dos turistas que se achegaron a Vigo o ano pasado foron españois, fundamentalmente procedentes de Madrid, País Vasco e Cataluña, que elexiron a nosa cidade como destino pola relación calidade-prezo da oferta, a paisaxe, as praias e o entorno natural.

Dado os cambios de hábito no consumo de ocio, que tenden ó disfrute de pequenos períodos de vacacións ó longo do ano, Turismo de Vigo pretende captar ó turista de fin de semana ou períodos de descanso curtos, de poboacións que se atopen a menos de catro horas en coche da nosa cidade.

O perfil medio do turista que se achega a Galicia se corresponde cunha persoa de entre 30 e 45 anos, que se despraza no seu propio vehículo e que ten como principal motivación para a viaxe as vacacións.

Asi mesmo, esta campaña promocional pretende a captación do excursionismo procedente de Portugal. É dicir, visitantes de un só día, que non pernoctan na cidade, pero que teñen como principal obxectivo as compras. O gasto medio dos excursionistas portugueses que se achegan á nosa cidade foi durante a campaña de 2002 de 79,12€.

A media do gasto en comida, compras, ocio e viaxe, amosa que o maior capítulo de gasto de destina ás compras que, no caso dos portugueses, acada o 37,27% do total do gasto realizado.

Por detrás, está o gasto en concepto de viaxe, que acada o 21,45% e o de comida, que se achega ó 18%: o resto, corresponde ó ocio.

Descargar todas as imaxes