Escoitar

Ampla oferta de actividades de Normalización Lingüística para o mes de maio

xoves, 2 mai 2002
imx1361.jpg
Programa
A Concellería de Normalización Lingüística presentou o programa de actividades que se desenvolverá no mes de maio co lema ”En presente, en futuro: en galego”. Exposicións, concertos, intercambios escolares, cursos, obradoiros e xogos infantís son algunhas das propostas para fomentar o uso do lingua.

A mostra ”Sempre en Rianxo, sempre en Galiza” inaugurarase o vindeiro sábado, 4 de maio, na praza de Compostela e permanecerá exposta ata o 25 de maio. A exposición sobre a figura de Martín Sarmiento permanecerá aberta ata o 17 de maio na Casa da Cultura. Ademais, distribuiranse libros sobre este persoeiro nos centros de ensino.

O ciclo ”As linguas faladas” traerá artistas ao auditorio de Caixa Galicia e ao Paraninfo da Universidade o 13, 14 e 15 de maio baixo o título ”As linguas atlánticas, da Península Ibérica e mediterráneas”.

O programa de continuidade ”Xogas? en galego podemos” destinado aos máis pequenos organiza obradoiros, xogos e actividades na natureza dende o 11 de maio ata o 22 de xuño. Os lugares de celebración serán Coia, A Riouxa (Teis), praza do Berbés, praza do Rei e Castrelos. Está previsto tamén un programa de dinamización lingüística a través do deporte mediante guías de deportes, aventura e náuticos.

O irmanamento de escolares Vigo-O Porto, no que participarán 200 rapaces de 7 a 15 anos celebrarase do 6 ao 11 de maio.

A marcha en defensa da lingua galega denominada Correlingua discorrerá da praza do Rei ata Castrelos o 16 de maio.

Entre outras actividades, organizarase un concurso de banda deseñada, relato curto e narración sobre ”Cousas do mercado”: os obradoiros de sociolingüística ”Máis alá”, cunha fin de semana en Allariz para os participantes e proseguirán os obradoiros de lingua galega sobre o curso da auga en Coia.

A recollida de microtopónimos de Vigo, as actividades do Ciberlingua ”Achegándonos a internet” e o estudio sociolingüístico completan a oferta de actividades previstas pola Concellería de Normalización Lingüística para o mes de maio.

Descargar todas as imaxes