Escoitar

O chalé Agarimo reconstruirase en Beade como centro sociocultural

martes, 30 abr 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, asinou un convenio que permitirá o traslado, pedra a pedra, á parroquia de Beade do chalé Agarimo, situado agora no barrio de Peniche. O chalé será reconstruido nunha parcela municipal situada en Coutada e converterase nun novo espacio para uso social e cultural dos veciños de Beade.

Castrillo puxo esta operación como exemplo da filosofía que orienta a xestión urbanística do Goberno municipal. O alcalde explicou que “facer cidade” non é só crear solo residencial e industrial, senón tamén conseguir máis espacios verdes, construír equipamentos deportivos e culturais e protexer o patrimonio arquitectónico. Neste caso, dixo Castrillo, estamos facilitando a conservación dun inmoble catalogado e proporcionándolle a Beade unha nova dotación social.

O chalé Agarimo é un edificio de cantería construído en 1931 polo arquitecto Manuel Gómez Román. Conta con dous andares nobles de 280 m2 e de tres semisotos de 421 m2. O seu actual propietario é a entidade mercantil Quecer S.L., que será a encargada de realizar o traslado e reconstrucción do inmoble sen custo ningún para o Concello.

A próxima ubicación do chalé é unha parcela situada xusto en fronte do Centro Cultural de Beade. Deste xeito perséguese configurar unha área dotacional na parroquia onde se agrupen diversos equipamentos sociais.