Escoitar

Reclamación unánime para que se garanta o ensino en galego

luns, 29 abr 2002
imx1350.jpg
Intervención de García Parada
O representante de Nais e Pais polo Ensino en Galego-A Mesa pola Normalización Lingüística, Eduardo García Parada, interviu na sesión plenaria para reclamar a todos os organismos e centros educativos que se garanta o ensino en lingua galega na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria.

Esta petición de ensino en galego é, de acordo coa lexislación vixente, para o alumnado que teña o galego como lingua inicial, sen prexuízo de garantir ao alumnado que teña o castelán como lingua inicial unha competencia lingüística suficiente na súa lingua galega.

Solicitan tamén á Xunta de Galicia que leve a cabo as actuacións, urxentes e necesarias, que fagan cumprir a lexislación vixente naqueles ámbitos nos que o uso do galego está xa regulado (ensino, administración, dobraxe, medios de comunicación públicos ou en réxime de concesión...) e que se desenvolvan medidas claras e eficaces que promovan o uso do galego no resto dos sectores vitais para a infancia como a banda deseñada, xogos, informática, cinema, vídeo... e a súa distribución.

Instan tamén ao Concello de Vigo a que estenda o uso normal da lingua galega e a corresponsabilidade na súa dinamización a todas as concellerías, departamentos e organismos dependentes do Concello e entidades coas que mantén convenios de colaboración, especialmente cando directa ou indirectamente afectan á infancia e á xuventude.

Reclaman a todas as familias e á sociedade que manteñan actitudes positivas e activas cara a lingua galega na súa comunicación coas nenas e nenos, pois a función dos adultos próximos ás meniñas e meniños é tamén básica para a formación da propia identidade lingüística e o desenvolvemento da autoestima e o orgullo lingüísticos.

O Pleno da Corporación municipal votou, por unanimidade, o apoio ao contido desta intervención.


NAIS E PAIS POLO ENSINO EN GALEGO
Descargar todas as imaxes