Escoitar

Xesus López presenta o novo Coro Cidade de Vigo, que realizará a selección de voces os días 8 e 9 de maio

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este martes o novo Coro Cidade de Vigo, que ten aberto o prazo de inscrición ata o 1 de maio para efectuar a selección das voces os días 7 e 8 de maio no Conservatorio Superior de Música. O edil salientou que este coro nace como complemento do programa "Vigo, un mar de corais" que promove a Concellería de Cultura coas diferntes corais da cidade e co obxectivo de promover a práctica musical dos seus integrantes.

martes, 6 abr 2010
1270558552corocidadedevigo.jpg
"Había un espazo que quedaba sen cubrir e que agora estará perfectamente atendido con esta aposta da Concellería de Cultura", asegurou Xesus López na presentación do proxecto, na que tamén participaron a profesora de canto, Teresa Novoa, a presidenta da asociación musical Coro Cidade de Vigo, Preciosa Ucha, e o futuro director do Coro e responsable en 1987 da creación de Xoven Orquestra de Galicia, JoámTrillo.

O concelleiro de Cultura destacou que o feito de que o novo coro naza baixo a dirección deTrillo "é a mellor garantía e carta de presentación" desta iniciativa, xa que o seu traballo permitiu que os integrantes da Xoven Orquestra de Galicia formen parte na actualidade das mellores orquestras no ámbito internacional.

Na súa intervención, Joám Trillo agradeceu as "cariñosas palabras" de Xesus López e expresou o seu "compromiso absoluto" co proxecto, cuxa presentación está prevista en xullo ou, como moi tarde, ao principio do outono. Ao seu xuízo, a maior cidade de Galiza e unha "cidade popular" como Vigo "merece ter medios propios para acceder ao mundo da cultura da música clásica".

Trillo explicou que o novo Coro Cidade de Vigo ocupará un espazo "moi distinto" ao que ocupan os outros coros da cidade e neste sentido recoñeceu que estas agrupacións teñen desenvolvido "un gran labor social na cidade". Afirmou asemade que estará integrado por membros que poidan cantar as pezas "máis esixentes" da musica clásica, como as de Bach, Beethoven e Stravinski, pero tamén para recuperar aos compositores galegos tanto do pasado como os actuais.

Segundo avanzou Trillo, o novo Coro facilitará que os membros que teñan "voz que mereza a pena" poidan adquirir coñecementos técnicos e musicais para ser ambiciosos coas interpretacións. Asemade, sinalou que os integrantes que xa dispoñan deses coñecementos poderán perfeccionar a súa técnica para facer fronte ás interpretacións. Ao respecto salientou que contar coa colaboración da profesora de canto Teresa Novoa é "garantía de que se dará resposta aos problemas técnicos dos integrantes do coro".

Sobre o número de músicos que integrarán o Coro, Joám Trillo indicou que parte da idea de crear un coro de cámara, e por tanto un número reducido, pero cunha base suficiente que permita desenvolver o ambicioso programa. Porén sinalou que o número final dependerá das persoas que se presenten á selección e as cualidades que teñan. Tras a selección das voces, o director explicou que se estudará o plan de traballo en función da dispoñibilidade dos horarios para organizar os ensaios, que terán lugar no Conservatorio Superior de Música, e facer a presentación da nova agrupación.

Preciosa Ucha, pola súa banda, destacou que o novo Coro será semiprofesional, no que se fomentará que se faga unha música "de máis calidade" que na actualidade. Ademais, destacou que haberá coros infantís, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento das aptitudes musicais entre os máis novos e novas.
Descargar todas as imaxes