Escoitar

Santi Domínguez comprométese a velar polo cumprimento das condicións laborais nas obras competencia da Tenencia

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, expresou este martes o seu compromiso a velar polo cumprimento das condicións laborais dos traballadores e traballadoras das obras que dependen directamente da Tenencia de Alcaldía. O concelleiro fixo estas declaración tras a xuntanza que mantivo cos responsables da sección de construción da CIG.

martes, 6 abr 2010
1270558473reunioncigconstrucion.jpg
Santi Domínguez explicou que na xuntanza, os responsables da CIG lle trasladaron que hai obras contratadas pola administración local nas que non se está a cumprir as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. "Púxenme a súa disposición para que en calquera obra contratada pola Tenencia de Alcaldía fagamos o seguimento para que se cumpran as condicións de traballo que teñen recoñecidas", salientou.

"Hai que garantir as condicións laborais dos traballadores e traballadoras, que é un obxectivo polo que sempre loitou o BNG", afirmou o tenente de alcalde. Segundo destacou, a xuntanza tamén tivo o obxectivo de buscar mecanismos para que as condicións dos traballadores non só sexan as "mellores posibles", senón tamén que os empresarios "as cumpran taxativamente".

O responsable da sección da construción da CIG, Xosé Xoán Melón, destacou que a xuntanza co tenente de alcalde foi a primeira reunión das solicitadas cos tres grupos políticos con representación no Concello de Vigo "a raíz da denuncia efectuada sobre as irregularidades detactadas na construción do Auditorio". Neste sentido, Melón indicou que dende a CIG quixeron explicar "en detalle esta situación, así como as posibles actuacións ao respecto".

Xosé Xoán Melón sinalou que se o convenio se cumprira, na construción do Auditorio "estaría traballando máis xente" e que non se pode utilizar a crise económica como xustificación para non cumprilo. "Seguiremos facendo estas denuncias. Deixaremos un tempo para que sexan atendidas as nosas peticións e despois dun tempo prudencial, denunciaremos dun xeito máis contundente", avanzou.

O responsable da sección de Construción da CIG asegurou que o tenente de alcalde "tomou nota" destas denuncias e manifestou que nas obras da súa competencia se comprometía a ser "máis vixiante", para o cal dende a CIG lle remitirán un informe coas irregularidades detectadas.
Descargar todas as imaxes