Escoitar

O alcalde anuncia o inicio da humanización de Manuel Álvarez, a "máis importante da cidade" con 5,2 millóns de investimento

Abel Caballero informou este luns da aprobación do plan de seguridade e saúde da mellora de Manuel Álvarez, "a humanización máis importante feita nunca nesta cidade" atendendo ao seu volume de investimento, que ronda os 5,2 millóns de euros. Os traballos de mellora na rúa, que xa deron comezo e que precisaron de expropiacións, estarán rematados no prazo de quince meses.

luns, 5 abr 2010
1270470925P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns do inicio da "humanización máis importante feita nunca nesta cidade", a de Manuel Álvarez, cun investimento de 5,2 millóns de euros.

Segundo indicou, o prazo de finalización das obras ascende a 15 meses, aínda que Caballero considerou que existe a intención de acelerar a reforma, co que podería rematar antes do tempo estipulado.

Abel Caballero explicou que o goberno local deu o seu visto bo ao plan de seguridade e saúde dos traballos, que xa deron comezo, e que precisaron de expropiacións para poder ampliar "unha das arterias importantes" da cidade olívica.

O alcalde recordou que a reforma deste vial xa fora planificada no ano 2000, para logo abandoarse e ser de novo retomada na actualidade. A humanización foi conveniada co anterior goberno da Xunta de Galicia.

Plan E
Caballero tamén informou da aprobación do Goberno de España a todos os proxectos de humanización presentados polo Concello ao novo Plan E estatal para 2010, que inclúen reformas como Pi y Margall ou López Mora, entre outras.

O alcalde apuntou que, estando todas aprobadas e ao tramitarse polo procedemento de urxencia, as reformas do "plan Zapatero" poderán estar finalizadas en "novembro ou decembro".
Descargar todas as imaxes