Escoitar

O alcalde afirma que o vindeiro curso escolar abrirán catro novas garderías municipais en Vigo

Despois da Xunta de Goberno Local, Abel Caballero informou de que para o próximo curso 2010-2011, Vigo contará con catro novas escolas infantís na cidade, duplicando a oferta actual. Tres delas xa teñen ubicación -en Castrelos, en Bouzas e en Tomás Alonso- e a cuarta será anunciada próximamente. O goberno local deu este luns o visto bo á desafectación do local de Casiano Martínez para realizar obras de adaptación a gardería.

luns, 8 feb 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que o Concello duplicará o próximo curso o número de garderías municipais na cidade coa apertura de catro novas escolas infantís.

Despois da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, o rexedor socialista informou do visto bo municipal á desafectación do uso educativo do edificio municipal de Casiano Martínez para realizar obras de adaptación para gardería de cara ao vindeiro curso. Esta reforma custará 200.000 euros -con cargo aos fondos do Plan E do Goberno de España- e dará servizo á parroquia de Bouzas.

A segunda das catro novas dotacións educacionais estará ubicada en Tomás Alonso e tamén entrará en funcionamento no próximo curso. A remodelación custará tamén 200.000 euros con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local, segundo apuntou Caballero.

A terceira nova escola infantil para o novo curso xa está en marcha actualmente, sita en Mestres Goldar, e dará servizo aos veciños de Castrelos con especial atención aos traballadores da factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën.

Xunto coas tres ubicacións xa reveladas, o alcalde asegurou que o Concello planea habilitar unha cuarta. Abel Caballero non fixo pública a súa ubicación pero si asegurou que estará operativa para o curso que ven.

Estas catro novas escolas para os máis pequenos súmanse ás catro de ámbito municipal que operan actualmente, co que o Concello duplica así a oferta no curso 2010-2011. Para o 2011 o alcalde agarda poder continuar co plan municipal de garderías e ampliar o número de escolas infantís municipais na cidade.