Escoitar

Máis de 1.500 persoas visitaron o xacemento de O Castro no primeiro fin de semana da súa apertura

Máis de 1.500 persoas visitaron este fin de semana o xacemento de O Castro, nos dous primeiros días tras a súa inauguración e apertura. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, salientou a "boa acollida" por parte do público, superando as previsións de visitantes que se tiñan para os primeiros días. Os momentos de maior afluencia foron polas tardes, sobre todo, o domingo, onde foi preciso ampliar o número de persoas que realizaban as visitas guiadas.

luns, 8 feb 2010
1265637429inauguracioncastro.jpg
Segundo afirmou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta afluenza de público pon de manifesto o gran interese que teñen os vigueses e viguesas por coñecer a súa historia, pero tamén o acerto da aposta polo proxecto de recuperación e posta en valor dese xacemento.

O éxito destes primeiros días evidencia, segundo o nacionalista, que reconstrución e recreación ambiental do poboado castrexo de O Castro vai ser un dos referentes turísticos máis importantes da cidade. O poboado de O Castro permite coñecer máis de 20 restos de edificacións, que formaban parte dunha gran área habitada entre o século I a.C. e o século III d.C, así como a recreación da época en tres cabañas ambientadas na época.

Hoxe luns o xacemento de O Castro permanecerá pechado, pero o resto dos días poderase visitar en horario de mañá e tarde. En inverno estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 18 horas e en verán de 10 a 13 e de 17 a 20 horas. A visita poderá ser libre ou guiada polo persoal que atende o xacemento. A visita guiada para grupos pódese concertar chamando ao teléfono 986 295 070, de luns a venres de 9 a 14 horas.
Descargar todas as imaxes