Escoitar

Santi Domínguez inaugura Poboadores e San Francisco, na recta final da primeira fase da "reconquista" do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este venres a reforma das rúas Poboadores e San Francisco, que supón a "recta final do remate" da primeira fase da "recuperación e reconquista" do Casco Vello. No acto, salientou que esta actuación incluíu a remodelación de 19 rúas, cun investimento superior aos 6 millóns de euros, "a cifra máis alta en toda a historia de actuacións no Casco Vello".

venres, 27 nov 2009
1259331618Poboadores.jpg
O tenente de alcalde salientou a fonda transformación que experimentaron estas dúas rúas tras as obras e a renovación do alumeado, o pavimento e os servizos públicos. Actuouse sobre unha superficie de 2.325 metros cadrados, cun investimento superior aos 915.000 euros. "O que eran estas rúas e o que son hoxe", sinalou, lembrando o "pouco atraínte" que era transitar por elas. Destacou que o "traballo para a xente" que impulsan a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico no Casco Vello materializouse na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas, co incremento do suministro de auga, respondendo así a unha "vella demanda" da veciñanza.

As rúas Poboadores e San Francisco contan tamén con novas canalizacións soterradas, "exemplo claro das actuacións que queremos facer", salientou Santi Domínguez, así como a instalación de gas. "Estamos nun proceso de renovación completa do Casco Vello, por arriba e por abaixo, do que se ve e o que non se ve", afirmou.

O tenente de alcalde indicou que a inauguración de hoxe é un paso previo ao "colofón final" que terá lugar o vindeiro 2 de decembro, coa inauguración do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso. "Pero a partir do día 2 non imos parar -sinalou-, porque os orzamentos do ano que vén contemplan a renovación do mirador da Porta do Sol e a reforma das rúas que faltan", anunciou.

Santi Domínguez lembrou que ao chegar ao goberno comprometeuse a que a visualización da recuperación do Casco Vello ía ser unha realidade, "e a día de hoxe este compromiso está cumprido", asegurou. "Hoxe en día podemos traer a pasear a calquera polo Casco Vello sen avergoñarnos do seu continuo deterioro durante anos", comentou. Asemade, agradeceu a presenza no acto de diversos integrantes do goberno municipal, así como aos técnicos "pola súa adicación nunha obra que merece Vigo e o Casco Vello".
Descargar todas as imaxes