Escoitar

Cohen, Baute e Marta Sánchez, Keane, Ainhoa Arteta, Los Secretos e Melendi estarán na programación das festas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este venres un avance da programación que terá Vigo con motivo das festas de verán. Leonard Cohen, Carlos Baute, Marta Sánchez, Keane, Los Secretos, La Oreja de Van Gogh, Ainhoa Arteta, Fuxan os Ventos e Melendi son os artistas que xa teñen confirmada a súa presenza en Vigo, e que se repartirán en dous escenarios clásicos na cidade, como son o auditorio de Castrelos e o peirao de Trasatlánticos.<br />

venres, 19 xuñ 2009
"Os concertos que hoxe presentamos son un avance das festas de Vigo deste verán, porque Tenencia de Alcaldía e Concellería de Cultura seguimos a liña de pechar ben as actuacións antes de anuncialas", subliñou o tenente de alcalde. Ademais, Santi Domínguez explicou que para elaborar a programación a situación de crise foi un dos principais elementos que se tivo en conta. "A primeira decisión que tomamos foi a reducción dos orzamentos para as festas, porque queriamos seguir afrontando outras cuestións prioritatias para a cidade, como as axudas sociais", sinalou. Neste sentido indicou que os orzamentos das festas do 2008, "as mellores da historia de Vigo" alcanzaron os dous millóns de euros, e a reducción para este ano é de medio millón de euros. Ao igual que o ano pasado, haberá nesta cantidade unha aportación importante por parte de patrocinadores privados.

Segundo destacou o nacionalista, "a falta de orzamento, buscamos alternativas para manter o nivel do ano pasado", o cal fará que as festas cheguen a toda cidade, mantendo as actuacións en diversos escenarios e zonas, como o contorno do Casco Vello, a Praza da Constitución, a Praza da Estrela ou a Praza de Compostela. Precisamente prescindir dos grandes concertos no IFEVI foi un dos elementos sinalados polo tenente de alcalde para acadar a reducción do orzamento, aínda que ao respecto sinalou que pasada a temporada do verán, nese recinto se organizarán dúas actuacións.

Outro elemento que tamén se mantén é o pregón, que na edición das festas correrá a cargo da actriz viguesa María Castro. "Cando falamos de festas non nos referimos só a concertos. Pensamos que son algo máis", sinalou o tenente de alcalde. Así, haberá actividades para todos os públicos, como o Castrocativo, que segundo Santi Domínguez "o ano pasado superou todas as previsións". Co obxectivo de que ninguén se quede sen asistir ao "concerto estrela deste verán", o de Leonard Cohen, Santi Domínguez salientou que Tenencia de Alcaldía e Concellería de Cultura "fixeron o esforzo" de que se celebrara no auditorio de Castrelos, o día 13 de agosto. Deste xeito, o concerto será gratuíto para o público, agás para as persoas que decidan reservar sillas na zona inferior do auditorio, que terá un prezo de 18 euros a entrada. A este respecto indicou que hai lugares nos que se están a pagara ata 100 euros por asistir a este concerto.

O concelleiro de Cultura, pola súa banda, deu conta do resto de actuacións xa confirmadas no verán vigués. A primeira delas é a do grupo de pop alternativo inglés Keane, que ofrecerá o seu concerto o 17 de xullo no auditorio de Castrelos. Tamén neste espazo actuará o 29 de xullo La Oreja de van Gogh, un dos grupos de referenza do panorama musical español e que presentará o seu último disco "A las cinco en el Astoria".

O seguinte concerto será no peirao de Trasatlánticos o 4 de agosto, Carlos Baute e Marta Sánchez, que coa canción "Colgado en tus manos", acadaron o número un dos 40 principais durante catro semanas consecutivas. O 8 de agosto, tamén no peirado de Trasatlánticos, acturán Los Secretos, un grupo mítico do pop español, que vén de cumprir os trinta anos de traxectoria. O 11 de agosto, neste mesmo espazo actuará Melendi, que presentará o seu último traballo, !Curiosa la cara de tu padre!. Xa volvendo a Castrelos, o 12 de agosto, será posible vivir "unha noite máxica", segundo Xesus López. Ese día actuarán de Fuxan os Ventos, "un grupo de culto" e Barth. O 13 de agosto será a actuación de Leonard Cohen e, finalmente, o 14 de agosto, Ainhoa Arteta encherá coa súa voz o auditorio do parque de Castrelos.

"É unha programación de verdadeiro luxo coa que imos acadar que Vigo soe moi lonxe", destacou o edil do, quen afirmou quen manteñen un nivel "similar ás do ano pasado".


Máis información