Escoitar

Benestar Social oferta ata 210 prazas no primeiro programa de campamentos de verán para persoas con discapacidade

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este xoves que o primeiro programa de campamentos de verán para persoas con discapacidade que organiza o Concello de Vigo oferta ata un máximo de 210 prazas. A edil explicou que esta iniciativa, denominada "Verán de lecer" e dirixida a persoas con discapacidade empodroadas no Concello de Vigo de máis de 6 anos, se desenvolverá no mes de xullo no Colexio Saladino Cortizo e nos mes de agosto nas instalacións de APAMP.

xoves, 18 xuñ 2009
1245329204veranlecer.jpg
"Verán de lecer ten o obxectivo de materializar a igualdade de oportunidades da que sempre falamos dende a Concellería de Benestar Social, para que a integración das persoas con algún tipo de discapacidade non sexa ficticia, senón unha realidade", subliñou María Méndez. A concelleira de Benestar Social salientou que, aínda que o ano pasado se fixo algunha actividade, nunca se fixera unha programación completa de actividades para persoas con discapacidade como nesta ocasión"

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xuño e respecto ao campamento que se desenvolverá no Colexio Saladino Cortizo, que inclúe transporte, María Méndez destacou que se celebrará ao longo de tres semanas do mes de xullo. En cada semana se ofertan 30 prazas, das que 20 se destinan a persoas de 6 a 30 anos e 10 son para participantes maiores de 30 anos. O horario será de 10 a 14.30 horas e ao longo deste tempo os participantes poderán realizar "múltiples iniciativas, dende visitas á praia, aos museos, ou ao zoo, entre outros, facéndoos partícipes das actividades que se desenvolven na cidade no verán".

En canto ao campamento que se celebrará durante tres semanas do mes de agosto na sede de APAMP, a concelleira de Benestar Social indicou que cada unha das semanas se ofertan 40 prazas. O seu horario é de 10 a 18 horas e contempla a posibilidade de acollerse ao transporte e ao comedor.

"Este programa é resultado do traballo conxunto e a relación fluída con todas as asociacións que traballan con persoas con algún tipo de discapacidade", salientou a edil do BNG na rolda de prensa, na que tamén participaron a responsable do Colexio Saladino Cortizo e unha traballadora social de APAMP. Neste sentido, María Méndez mencionou como exemplo desta forma de traballar a eliminación das barreiras arquitectónicas nos edificios municipais e a posta en marcha do programa do bono taxi.

A concelleira nacionalista salientou que con esta nova iniciativa de Benestar Social se trata de "dar resposta ás necesidades deste colectivo" mediante a atención que prestarán os profesionais dos propios centros, que ofertan gratuitamente as súas instalacións. Ademais, explicou que o custo total da iniciativa ascende a 34.800 euros, dos que 32.000 os aporta o Concello de Vigo e o resto os pais e nais das persoas participantes.
Descargar todas as imaxes