Escoitar

O Concello de Vigo asina un convenio con Caixa Galicia para a construcción do xeriátrico de Barreiro

mércores, 13 mar 2002
imx1194.jpg
Castrillo e Méndez
O Concello de Vigo e Caixa Galicia asinaron un convenio para a construcción e xestión do complexo xeriátrico de Barreiro, cun investimento total aproximado de 6,3 millóns de euros que aportará a Obra Social da entidade financieira. A sinatura foi realizada polo alcalde, Lois Pérez Castrillo, e o Director Xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez.

No convenio o Concello de Vigo comprométese a ceder 6.670 metros cadrados dos terreos municipais de Barreiro para a construcción dunha residencia xeriátrica destinada a persoas maiores dependentes, cunha capacidade de 150 prazas residenciais, e un centro de día con posibilidade de atender en torno a 30 persoas. O xeriátrico será unha das primeiras obras que o Concello promova no ámbito dos 90.000 m2 recentemente adquiridos en Lavadores para dotar esa zona da cidade de novos equipamentos sociais, deportivos e zonas verdes. A posta en marcha do proxecto de Barreiro levou ao Alcalde a manifestar que “se comeza a facer realidade un vello soño, transformar o antigo cuartel no gran espacio público, de lecer e dotacional do oeste da cidade”.

A construcción da residencia de Barreiro enmárcase no plan de centros xeriátricos que desenvolverá Caixa Galicia nos próximos meses con cargo ao Fondo Social Caixa Galicia, F.C.R., Fondo Capital Risco creado coa autorización expresa da Xunta de Galicia para investir en empresas que favorezan o desenvolvemento cultural, educativo e socioeconómico de Galicia, faciliten a integración de colectivos marxinais e favorezan a grupos con baixos niveis de ingresos.

A residencia asistida e centro de día contará tamén con servicios de atención a domicilio e teleasistencia e rehabilitación externa. Para a prestación destes servicios dotarase o centro cun cento de empregados.

O centro de Barreiro contará cunha zona de atención especializada, con consulta médica, sala de curas e enfermería, farmacia e área de rehabilitación, podoloxía, e áreas de atención psicolóxica e social: unha zona residencial e de aloxamento, no andar baixo para usos xerais e dous módulos de 75 prazas de residentes: zonas administrativas, e áreas para servicios como cafetería, sala de estar, perruquería, biblioteca, ou salas de reunión.

Os servicios sociais municipais poderán, mediante este acordo, dispoñer dun 10% das prazas do centro durante un periodo de dez anos. O investimento da Obra Social de Caixa Galicia para atender este dez por cento de prazas durante ese periodo tanto na Residencia como no Centro de Día será de máis de 1.316.000 euros (219´5 millóns de pesetas).

O Concello transmitirá a parcela a Caixa Galicia, que financiará con 240.404,84 euros os gastos derivados da urbanización da parcela.

O centro de Barreiro

A Residencia de Barreiro construirase nunha superficie rodeada de xardíns para o disfrute dos residentes a carón do que será un gran parque público e unha zona deportiva na que se ubicará un campo de futbol, un ximnasio e unha piscina cuberta. Máis adiante tamén se ubicará na zona unha praza pública de carácter urbano, asoportalada, na que se instalarán servicios e equipamientos públicos, cafés, bares, restaurantes e tiendas diversas.

O edificio, que se resolverá en catro andares (soto, baixo, primeira e segunda), terá unha concepción que aúne o máximo confort para os usuarios e os máis modernos servicios que este tipo de instalacións require, cunha concepción espacial e formal vangardista. Será construído con materiais nobles e técnicas constructivas que garantan unha gran calidade, unha boa conservación e un doado mantemento.

Será un edificio aberto ao sol e á luz, no que se disporá dunha gran diversidade de espacios interiores e exteriores de diversa funcionalidade, configuración, superficie e volume, que irán desde o dormitorio aos xardíns, pasando por lugares de estar e de reunión colectivos, e servicios de todo tipo que garantirán a intimidade ou o encontro cos demáis, e posibilitarán atender os desexos e necesidades que cada residente teña en cada instante do día e cada día do ano.


Déficit de prazas

Galicia conta cun índice de envellecemento cercano ao 20%, superior á media española, que seguirá aumentando nos próximos anos. A meirande concentración de maiores prodúcese nas zonas urbanas, que tamén son as que presentan máis déficit de prazas: Vigo, Santiago e A Coruña. O baixo ratio de número de prazas ofertadas por cada 100 habitantes (1,9%) verase así mellorado coa construcción desta nova residencia impulsada polo Concello de Vigo e Caixa Galicia.

Descargar todas as imaxes