Escoitar

Vías e Obras inicia a segunda fase de eliminación de barreiras arquitectónicas nos pasos de peóns

martes, 12 mar 2002
A Concellería de Vías e Obras concluiu unha primeira fase de eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a que se rebaixaron as beirarrúas en 100 pasos de peóns para facilitarlles o acceso a persoas con problemas de mobilidade. A actuación céntrase agora na zona oeste do casco urbano.

As rúas do contorno de Príncipe, Gran Vía, Balaídos e avenida da Florida son as zonas nas que xa se realizou a actuación, que contou cun orzamento de 36.060,73 euros (6 millóns de pesetas). O obxectivo do programa contempla adaptar os pasos de peóns, suprimindo as barreiras arquitectónicas existentes, chafranando as beirarrúas en forma de rampas de xeito que o bordo da beirarrúa e mailo pavimento queden ó mesmo nivel.

A reparación de beirarrúas que se reformarán nesta fase consistirá no levantamento de baldosa ou de terrazo, con morteiro e base de formigón e posterior colocación e na posta en rasante das tapas dos servicios de canalización. A partir de agora repararase a zona oeste do casco urbano cun presuposto de 29.954,66 euros (4.984.036 pesetas).