Escoitar

Luis Martínez Salgado, Antía Cal, Abertal, Juan Pinzás, Socorro Ocampo e Alberto Durán son os Vigueses Distinguidos 2002

luns, 11 mar 2002
A Comisión de Goberno decidiu o nome dos persoeiros que recibirán a distinción de ”Vigueses Distinguidos” trala aprobación do Pleno da Corporación que se celebrará o luns, 25 de marzo. O recoñecemento público ós homenaxeados farase no Centro Cultural Caixanova o 27 de marzo.

Luis Martínez Salgado, Antía Cal, Abertal, Juan Pinzás, Socorro Ocampo e Alberto Durán son os persoeiros e colectivos que recibirán o galardón polo seu labor nos ámbitos deportivo, social, económico, educativo, cultural e de compromiso social.

Luis Martínez Salgado

Presidente da Agrupación Galicia Social, dende a que impulsa actividades culturais, deportivas e de carácter solidario. Ademáis mantén dende hai máis de 60 anos un activísimo labor de apoio ao deporte de base, a través da creación de diversos clubes (Areosa, Juventud), da súa participación como directivo (Federación Galega de Balonmán) e da difusión da actividade deportiva nos medios de comunicación.

Antía Cal

Impulsora do movemento de renovación pedagóxica en Vigo. En 1961 abriu o colexio Rosalía de Castro, escola pioneira na nosa cidade na que se introduciron sistemas de ensino inspirados nos novos movementos pedagóxicos europeos. Foi a primeira escola na que se impartiu clase en galego. Antía Cal defendeu a cultura galega e introduciu ideas progresistas e anovadoras no mundo do ensino nunha época na que as escolas estaban presididas polos principios do Movemento franquista.

Abertal

Unha das máis veteranas asociacións xuvenís de Vigo (foi fundada en 1979). Conta con máis de 200 socios e socias que organizan múltiples actividades e colaboran de forma entusiasta cos programas municipais dirixidos á mocidade (formación de animadores, campamentos urbanos, campañas de solidariedade con ONGs…) A asociación foi creada co fin de promover a formación persoal e social dos mozos e mozas a través de actividades culturais e recreativas e así o fai dende hai máis de 20 anos fomentando valores de solidariedade e xustiza.

Juan Pinzás

Representante da nova xeración de directores que se converteu no cineasta galego máis premiado internacionalmente. No seu currículo figuran unha morea de curtametraxes e catro películas: “A gran comedia”, “O xogo das mensaxes invisibles”, “A lenda da doncela” e “Érase outra vez”. Esta última foi a primeira película Dogma do cine español. Entre os premios que acadou cabe citar o Colón de Plata do Festival de Cine Iberoamericano de Huelva ou a Garza de Oro do Festival de Cine Hispano de Miami.

Socorro Ocampo

Pediatra no Hospital Xeral de Vigo. Dirixe a sección de lactantes. Realiza dende hai anos un meritorio labor de apoio aos nenos e nenas con VIH e ás súas familias.

Alberto Durán

Empresario, ex–concelleiro, ex–deputado en Cortes, ex–deputado do Parlamento Galego. Foi un dos artífices de que a regata Cutty Sark fixese escala en Vigo. É cónsul honorario de Noruega e Suecia. Dirixe as empresas Estanislao Durán e Hijos S.A., Viajes Durán S.A.