O Xornal Dixital supera as 4.500 visitas diarias no seu primeiro aniversario

venres, 8 mar 2002
imx1177.jpg
www.xornal.vigo.org
A edición do Xornal Dixital do Concello de Vigo cumpre un ano cunha media superior ás 4.500 visitas diarias no último mes. Noticias, reportaxes, titulares de prensa, anuncios, opinión e unha axenda de actos son os apartados que ofrece este medio de comunicación.

Neste momento, hai 1.125 noticias editadas con información sobre actuacións do Goberno municipal realizadas durante o último ano ás que se pode acceder desde o buscador da web.

O Xornal Dixital pretende servir de fonte de información tanto para os profesionais dos medios de comunicación como para os interesados nos actos organizados polo Concello de Vigo. A vantaxe de ofrecer información a través da rede radica na inmediatez de transmisión dos acontecementos ós usuarios deste servicio e na posibilidade de actualización das novas municipais segundo o seu desenvolvemento.

Os datos achegados por Xeneración de Estatísticas de ”R” sinalan que o promedio de accesos ó Xornal Dixital de luns a venres foi de 5.890 visitas diarias durante o mes de febreiro. Nese mes imprimíronse 59.766 páxinas e a duración media de cada sesión de usuario foi de 7 minutos e 23 segundos.

O Xornal Dixital dispón de 379 suscritores que reciben, de luns a venres, unha edición coa información municipal máis destacada da xornada no seu correo electrónico. A hora máis activa é de 17:00 a 18:00 e o día da semana con máis accesos rexistrados é o luns.

Descargar todas as imaxes