Escoitar

Chamamento á participación na manifestación do Día Internacional da Muller

xoves, 7 mar 2002
A Concellería da Muller apoia a convocatoria da manifestación da Marcha Mundial das Mulleres do 8 de marzo baixo o lema ”As burkas están en todas partes”, xa que múltiples burkas invisibilizan ás mulleres en todo o mundo. Sairá da praza 8 de marzo, na avenida das Camelias, e despois de percorrer diferentes rúas da cidade rematará na praza da Constitución.

”O neoliberalismo impón os preceptos da flexibilidade laboral, o déficit cero e o enfraquecemento do estado. O patriarcado únese ao neoliberalismo para condenarnos a todas a levar as burkas: do traballo doméstico, o traballo precario, a dobre xornada, a prostitución, os malos tratos, a inmigración clandestina, o traballo somerxido, os baixos salarios... Non podemos, nin debemos esperar máis para desfacernos destas burkas asfixiantes. Co esforzo de todas outro mundo en igualdade, democrático, pluralista e en paz será posible”, explican as organizadoras.

O próximo sábado, 9 de marzo, ás 19:00 esta convocada outra manifestación en Santiago de Compostela que partirá da alameda.


O obradoiro de emprego ”Vigozoo” celebra o Día da Muller Traballadora

A proxección dunha longametraxe sobre a igualdade do home e da muller cedida pola Biblioteca-centro de documentación de Alecrín, é un dos actos previstos na xornada de mañá no Obradoiro de emprego “Vigozoo” para celebrar o día da Muller Traballadora.

Coa participación de todo o colectivo de traballadores do programa de emprego, no que a presencia da muller é de un 41%, o programa comezará cunha introducción da directora, Milagros Calviño Groba, na que explicará os motivos desta homenaxe mundial cada 8 de marzo. Posteriormente, dúas traballadoras do Obradoiro de emprego falarán sobre dúas mulleres destacadas na historia, Concepción Areal e Emilia Pardo Bazán, pasando a continuación á proxección da película. Unha charla-coloquio moderada pola titora Pilar Álvarez Ilarri porá o punto final a esta homenaxe á Muller Traballadora.

Lembrar que os traballadores do Obradoiro de emprego “Vigozoo”, promovido pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, son trinta e seis desempregados, maiores de 25 anos, que reciben formación nas especialidades de construcción, carpintería e xardinería. Os obxectivos deste programa de emprego son, por unha banda, ofrecer formación e experiencia laboral ós participantes en profesións con expectativas de inserción laboral e, pola outra, mellora-las actuais instalacións municipais do Zoo e acondicionar outras novas no mesmo recinto.


O Plan Municipal de Emprego favorece a presencia da muller nos seus servicios e programas tanto no colectivo de beneficiarios como no directivo

A presencia da muller desde o comezo do Plan Municipal de Emprego 2000-2003, posto en marcha pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, acadou ata agora unha media dun 50% no colectivo de beneficiarios e dun 70% nos equipos técnicos e directivos dos diferentes programas e servicios. Esta participación destacada da muller vén motivada pola práctica, desde a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, de políticas de promoción da igualdade entre o home e a muller na súa formación e posterior acceso ó mercado laboral.

Destaca o 78% de mulleres que participaron nas diferentes accións de acompañamento á inserción, como son os Obradoiros de busca de emprego, os clubs de emprego e os cursos de competencias persoais para o emprego. Este dato indica que nas accións de acompañamento á inserción as mulleres teñen unha maior disposición a participar, estando os homes máis interesados en accións propiamente de formación. Neste senso, e segundo os datos do Plan Municipal de Emprego, a presencia feminina é maioritaria á hora de rematar ás accións formativas.

No que se refire ó Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE), a presencia das mulleres é dun 51%, sendo dun 68% os postos de traballo creados a través deste servicio e que ocupan mulleres. Tamén hai que destacar nas bases de selección dos beneficiarios do Plan municipal de integración laboral (PROMIL), que unha das características xerais do colectivo será unha presencia dunha proporción 60-40% indistintamente para homes e mulleres. En canto ás convocatorias anuais de axudas municipais á creación de empresas e á contratación, a contía económica é maior no caso de ser muller a emprendedora/s ou a contratada/s.